Eroski Paraíso

Comedia documental que, a partir de historias reais, explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade ao longo dos últimos 40 anos.

“Eroski Paraíso” é unha comedia documental que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros de 1972 a 1990 e que despois converteuse nun supermercado Eroski. Este feito repítese en numerosas vilas e cidades onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización foron virando en lugares de consumo. Dirixida por Xesús Ron, a obra adapta a linguaxe cinematográfica e os recursos do documental para artellar unha peza teatral na que os personaxes chegan a resultar máis reais que os propios intérpretes. Os protagonistas son unha parella que se coñeceu n’O Paraíso, e a súa filla, nacida ao ano seguinte do peche da sala. Vinte e cinco anos despois a moza estuda cine en Barcelona e volve á vila para facer unha película sobre os seus pais.

Premio María Casares 2017 á mellor dirección, mellor espectáculo, mellor actriz protagonista e mellor canción orixinal, “Eroski Paraíso” estreouse no Teatro Principal de Donostia e na antiga fábrica de conservas Sel de Muros en marzo de 2016. Durante dous anos representouse por toda Galicia, en Matadero-Madrid e máis dunha vintena de cidades, superando o centenar de funcións.

Coa colección Biblioteca de Teatro, KALANDRAKA contribúe á celebración dos 30 anos de Chévere publicando as súas obras completas para que os espectadores sigan gozando do seu talento cando cae o pano. A iniciativa busca documentar ese teatro “feito a pé de escenario”, como precisa a compañía, da que é posible ir descubrindo “como transforma o texto cun imaxinario propio e intransferible” forxando un estilo xenuíno que se caracteriza polo “ton irreverente e canalla” das súas producións.
Leer más
Leer menos
13,00 €