Annus Horríbilis e outros musicais

Os textos teatrais de media ducia de obras musicais de Chévere conforman o segundo volume da Biblioteca de Teatro, co drama operístico dos Cunters e dos Tamara como carta de presentación. Xa suman máis de tres décadas sobre os escenarios conservando o seu ton canalla e irreverente.

“Annus Horríbilis”, que se estreou en 1994, é unha pequena ópera portátil integramente cantada en galego. Unha picadora escénica que esmiúza os estereotipos do xénero lírico e reinventa unha fórmula de teatro musical dificilmente clasificable. As tribulacións da familia real británica son trasladadas a Galicia para escenificar intrigas cortesás, romances ilexítimos e loitas entre dúas liñas dinásticas enfrontadas: os Tamara vs. os Cunters. Dende o bel canto ou swing, ata a zarzuela ou o music-hall, pasando polo xénero da revista e o jazz, o romanticismo e o heavy metal, este espectáculo fai un amplo e variado percorrido polos estilos musicais máis populares dos últimos séculos.

Canda o libreto de “Annus Horríbilis”, este volume inclúe textos de “Ultranoite no país dos ananos” (2014) e escolmas das cancións de “Big Bang” (1992, obra que inaugurou a Sala NASA), “Órbita mutante” (1997), “Ana Pudor” (1999, 2002) e “O electricista da catedral” (2012, 2013). O elenco e os aspectos técnicos dos espectáculos -música, son, iluminación, vestiario, dramaturxia, dirección- quedan tamén plasmados, xunto con material gráfico complementario, como entradas, carteis e fotografías.

Coa colección Biblioteca de Teatro que se estreou con “Río Bravo”, KALANDRAKA contribúe á celebración dos 30 anos de Chévere poñendo a disposición do público as súas obras completas para seguir gozando do seu talento cando se pecha o pano. Esta iniciativa busca documentar ese teatro “feito a pé de escenario”, como precisa a compañía, da que é posible ir descubrindo “como transforma o texto cun imaxinario propio e intransferible” forxando un estilo xenuíno que se caracteriza polo “ton irreverente e canalla” das súas producións.
Leer más
Leer menos
13,00 €