As fillas bravas de Momán

Este libro recolle os cantos e os saberes de tres mulleres afoutas e irredutibles que viven a súa utopía feminista na aldea de Momán.

Adaptación impresa dun espectáculo que leva máis de dez anos revivindo a pegada do legado cultural e social das mulleres. «As Fillas Bravas de Momán» é un recital teatralizado que actualiza e reivindica a vixencia dos valores que as mulleres achegaron á cultura tradicional galega, creando e transmitindo un inmenso repertorio de creatividade colectiva arredor da música, do baile e do canto. Como cada proxecto de Chévere, artéllase en base a un traballo de investigación que, neste caso, afondou na sexualidade, nas relacións de xénero e nos roles da muller que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular, e que requiriu unha escolma e unha adaptación de textos de transmisión oral. Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar interpretan a tres mulleres indomables que tocan e cantan o que lles peta como antano fixeron as súas nais e avoas. Viven nunha aldea que representa a esencia e a autenticidade do medio rural.


Sen máis instrumentos que as pandeiretas e a lata de pementón, as Fillas Bravas representan as mulleres apoderadas, autónomas e emancipadas; rebeldes, creativas e implicadas na comunidade, contribuíndo así á construción dunha memoria e dunha identidade colectiva en clave feminina e feminista. Dende a súa estrea en xuño de 2014 no marco das Xornadas Mulleres en Acción da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, a obra percorreu o país enteiro cuestionando o estereotipo que tilda a sociedade galega rural de conservadora, atrasada, inmobilizada, sumisa e que reduce as mulleres ao ámbito privado da familia. As Fillas Bravas demostran que as mulleres das aldeas non se limitaban a desempeñar un rol reprodutivo, senón que participaban en todas as tarefas do traballo comunitario.


Dende a segunda metade do século XIX o cancioneiro popular galego recolle probas da intensa actividade que desempeñaban as mulleres, da existencia habitual de relacións sexuais fóra do matrimonio, da súa actitude combativa na denuncia de abusos, acoso e violacións, de prácticas anticonceptivas e abortivas, e mostras de autoafirmación da muller fronte ao home. As funcións de «As Fillas Bravas de Momán» destacan pola extrema sinxeleza escénica, sen escenografía, nin iluminación, nin apoio audiovisual, primando o contacto directo co público e a accesibilidade, xa que o recital está adaptado á lingua de signos.

Leer más
Leer menos
13,00 €