Unha parella diferente

Kulot, Daniela Traducción: Taeger, Marc e Martínez, Pilar

As diferenzas tenden a crear barreiras cando debería ser ao contrario: pontes cara á diversidade, á receptividade coas outras culturas e ao entendemento mutuo. Os demais poden ter aquilo do que nós carecemos e entre todos, complementarnos... Unha reflexión en clave de humor e aventura moi necesaria para os tempos que corren.

Crocodilo e Xirafa namoráronse, construíron unha casa para os dous e emprenderon unha vida en común que, lamentablemente, deu coa incomprensión dos seus semellantes. Senllas visitas aos seus respectivos barrios deixáronlles unha desagradable impresión de como os demais valoraban a súa relación. Esta peculiar e entrañable parella padecía as miradas, burlas e murmurios dos seus conveciños, maiores e pequenos. Con todo, sen importarlles as críticas alleas, non o pensaron dúas veces cando un repentino contratempo puxo en perigo unha familia. A altura de Xirafa e a habilidade de Crocodilo salvaron vidas, demostrando que a cooperación e a solidariedade son os alicerces da boa convivencia, por riba de calquera diferenza.

Ademais desta mensaxe, o relato tamén está cheo de humor, tanto nas ilustracións -que destacan polo seu colorido- como no texto, con simpáticos xiros lingüísticos: o “Auto Xiradilo” no que se desprazan Crocodilo e Xirafa é un bo exemplo desa fusión.
Leer más
Leer menos
16,50 €