PRESENTACIÓN DE "AQUILES E A BÁGOA" NA CORUÑA

PRESENTACIÓN DE

«Aquiles e a bágoa» é o novo poemario da profesora e escritora Ana Ramil. Publicado na colección Tambo de KALANDRAKA, presentarase mañá xoves a partir das 19:00 horas na libraría Moito Conto (San Andrés, 35) da Coruña. A autora estará acompañada pola tamén poeta Eva Veiga, polo profesor e crítico literario Luciano Rodríguez, e polo coordinador da colección, Luís Rei Núñez. Trátase dunha obra que, trenzando os seus versos nos remuíños da memoria, permite entrar na verdade fonda da gran poesía.

Este é o segundo libro de Ana Ramil, logo de «Aniñar en neve» (2021). Nesta ocasión volve abordar a fugacidade do tempo coa palabra como antídoto, que axuda a embelecer a inevitable certeza da desaparición. Máis aló do ton elexíaco, os seus poemas -exquisitas loairas en tríades de arte menor mesturadas con ladaíñas de alento narrativo- atopan as arelas da reafirmación na esperanza.

Nada en Vilalba e afincada na Coruña, Ana Ramil licenciouse en Filoloxía Clásica na Universidade de Santiago, ademais de completar a súa formación cun Diploma de Estudos Avanzados en Filoloxía Clásica na propia USC e cun mestrado en Guión de Cine pola Universidade Autónoma de Barcelona. Foi profesora de Latín no ensino secundario, actividade que compaxinou coa escrita. Con «Aquiles e a bágoa» confírmase como unha referencia imprescindible na escena poética galega.

20 TÍTULOS

Este poemario fai o número 20 na actual etapa da colección Tambo, ao abeiro de KALANDRAKA dende 2012. Entre os títulos máis salientables destacan os dous Premios Nacionais de Poesía acadados por «Os ángulos da brasa» do coruñés Manuel Álvarez Torneiro -por primeira vez para unha obra escrita orixinalmente en galego- en 2013 e por «Feliz Idade» da guímara Olga Novo en 2020.

Recollendo o testemuño doutras coleccións históricas especializadas en poesía, como Litoral, Ática, Faber&Faber, ou Salnés e Benito Soto en territorio galego, a colección Tambo preséntase como un refuxio para «a palabra no tempo», non só para acompañar a voz de autoras e autores do país, senón tamén para achegar edicións bilingües de figuras como Joseba Sarrionandia, T. S. Eliot, Antoni Marí ou Arthur Rimbaud, en volumes enriquecidos coas ilustracións de destacados artistas plásticos como Din Matamoro, Antonio Murado, Marisa Camino, Carmen Hermo, Álvaro de la Vega ou Manuel Moldes, entre outros.

March 7 2024

Dettagli

Cominciare: March 7, 2024, 7:00 PM
Fin: March 7, 2024, 8:00 PM
Indirizzo: Rúa San Andrés, 35. A Coruña

Sede

Libraría Moito Conto, A Coruña

+ Google Map