Aquiles e a bágoa

Versos trenzados nos remuíños da memoria que condenan a fugacidade do tempo e ofrecen o antídoto da palabra, que axuda a embelecer a inevitable certeza da desaparición. Ilustración de cuberta: Amelia Palacios

A ruliña do bo amor tende ante nós, nestes poemas, unha suma de versos trenzados nos remuíños da memoria; a próxima e mais a remota. Volve neles a condena á fugacidade do tempo canda o antídoto da palabra, que axuda a embelecer a inevitable certeza da desaparición. Son poemas que á fin atopan, máis alá do ton elexíaco, as arelas da reafirmación na esperanza. Fálannos entón os fragmentos colleitados nos confíns máis íntimos da súa alma por un ser como tantos.

No seu correr, o eu deste libro mestura o lanzamento de exquisitas loairas, en tríades de arte menor, con ladaíñas de alento narrativo, inzadas de imaxes para o abraio, dos acordes máis acaídos e do ritmo xusto dos latexos. E fano, sempre e mais despois, lidando coa compaña mala de aturar da bágoa que debilitou a heroicidade de existir.

Di Ramil, cominando a outra persoa dalgún día:
«Lembra os sucos que labrei a bicos mentres eras terra /
e reptaba arrastrando o meu corazón sobre ti».
Entrar nestas páxinas é entrar na verdade fonda da gran poesía. «Aquiles e a bágoa» confirma esta autora como unha referencia imprescindible na escena poética galega.

Leer más
Leer menos
15,00 €