Rigorosamente humano

Versión definitiva do poemario, 20 anos despois da súa primera publicación tras recibir o Premio Esquío. Refuxio de palabras, cores, melodías, recordos... E coa beleza como razón, orixe e destino final de cada verso.

Ilustración de cuberta de LOLA SOLLA

A voz poética de Manuel Álvarez Torneiro necesita espazo porque arrastra ecos dunha memoria en permanente estado de alerta. “Rigorosamente humano” ergue, cos cachotes do tempo, un castelo onde o corazón aprende a facerse forte. Este poemario é un refuxio de sílabas e de cores, de filmes e de melodías; desde o efémero, certamente, e contra o efémero, asemade; canda os beatos de Cluny e Bach e Leopardi; e tamén con nosoutros todos, os seus lectores agradecidos por tanta alquimia lírica.

Reina nestas páxinas, feramente oceánica e rigorosamente humana, a beleza convocada sempre e máis despois.

A beleza como nación do poema… A beleza, ese espazo necesario, ese proxecto ou expectativa de remedio curativo, “ese interior de auga que se pensa na sede”, como reza nun dos fermosos poemas deste libro que a colección Tambo rescata na súa versión definitiva agora, 20 anos despois da súa primeira publicación, tras recibir o Premio Esquío.

Esta obra séguelle a “Onde nunca é mañá” e “Os ángulos da brasa” (Premio Ánxel Casal de Poesía 2012, Premio da Crítica Española 2012, Premio de Poesía da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2012 e Premio Nacional de Poesía 2013), que vai pola cuarta edición en galego e foi traducida ao castelán por Teresa Seara para Visor Libros.
Leer más
Leer menos
15,00 €