Paulo está de mal humor

Shaloshvili, Natalia Traducción: Nicolás, Iago

Un conto tenro e sensible no que a familia e as amizades son apoios fundamentais para o crecemento persoal.

«Paulo está de mal humor» expresa con palabras e imaxes o que acontece cando as nenas e os nenos, por algunha razón, se senten molestos, apáticos ou apesarados. Por máis plans divertidos que a súa nai lle propón ao protagonista, nada lle prace: nin ir ao parque, nin a nadar, nin ao cine… As súas excusas son inxenuas obviedades propias da primeira infancia. Paciente e comprensiva, a mamá ten a solución aos seus males; tamén unha das amigas deste entrañable gatiño que, con alegría e afecto, axúdalle a aliviar ese pesadume.


Este relato de Natalia Shaloshvili aborda a xestión das emocións e o desenvolvemento emocional. Sitúanos no ámbito doméstico e familiar onde uns animais humanizados representan un amplo abano de actitudes e sentimentos que experimentan as nenas e os nenos no seu día a día, a súa relación cos adultos e coas demais persoas que os rodean. A vida en comunidade, a importancia da socialización, da empatía e dos coidados mutuos están na cerna desta obra sinxela, motivadora e reconfortante que destaca pola tenrura e o humor das súas páxinas, e na que moitas lectoras e lectores verán reflectidas as súas sensacións. Porque calquera pode ter un mal día, a compañía e o apoio da familia e das amizades infunden ánimo e optimismo para superar esa situación pasaxeira.


As ilustracións, de trazos soltos e pouco definidos feitos con lapis de cores, pintura acrílica e acuarelas, xogan un papel crucial ampliando a capacidade comunicativa do texto e completando a comprensión da historia. Así, as impresións negativas que amosa Paulo ante as propostas de lecer que lle fai a súa nai, vense positivamente a través de escenas lúdicas e divertidas. A ese contraste entre a parte narrativa e a visual, súmanse a expresividade dos personaxes e a convivencia en harmonía entre distintas especies de animais: gatos, cans, ratos, lobos, galiñas…

Leer más
Leer menos
16,00 €

Otros idiomas: