Parece unha formiga

Poético, enigmático, reflexivo, ás veces transcendental... Este libro de textos ilustrados quere ir contigo, na túa carteira ou no teu peto, respirar o aire que respiras, ir ao ritmo dos teus pasos, mimetizarse coa túa pel.

Poético, enigmático, reflexivo, ás veces transcendental… “Parece unha formiga” é un conxunto de textos ilustrados, ou de ilustracións que deviron en ideas, palabras, frases encadeadas que medran en intensidade e riqueza a cada páxina. Nesta nova obra como escritor e artista, Pablo Otero recréase en verbalizar pensamentos, airear os recunchos esquecidos do subconsciente, sen reparo -dende a liberdade e o desafío- a chamar cousas ás cousas. O autor e ti na confianza dunha mesa compartida nun café ou na cercanía dun paseo a carón do río, que é tanto como dicir na intimidade do papel. Porque este libro quere ir contigo, na túa carteira ou no teu peto, respirar o aire que respiras, ir ao ritmo dos teus pasos, mimetizarse coa túa pel. Quen aquí se expresa é un adulto que non deixou de ser neno: os seus interrogantes gardan o eco da inocencia, a rotundidade das grandes verdades, o pouso de habitar o mundo coa mirada curiosa e crítica, consciente e inxenua, madura e pícara. Sen artificios literarios pero froito dun minucioso traballo de escrita, revisión e reelaboración, esta lectura transpórtate a unha esencia que abrangue o remoto e o recóndito. É unha invitación a ler, reler e volver ler saboreando as letras, tocando o intanxible, escoitando o silencio e sorprendéndose cos seus destellos retóricos.

Nunha sociedade saturada de información (e onde moitos se pasan de listos), esta obra é un eloxio do pracer de saber que no se sabe nada, unha oda ao estraño e ao incomprensible, un foco iluminando as preguntas que ninguén se pregunta. Parece unha formiga pero é un xogo léxico que cuestiona a lóxica establecida; un museo en miniatura de cadros abstractos que difuminan os lindes entre figuración e imaxinación. E de tan singular e único na súa forma e no seu fondo, converteuse no primeiro título da nova colección Rizomas.

"Parece unha formiga" pero é un formigueiro que atesoura emocións e historias imperfectas, bonitas e raras a un tempo. Dálles de comer ás agachadas… e voarán.
Leer más
Leer menos
12,00 €

Otros idiomas: