FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: CONCERTO E SINATURA DE LIBRO-DISCOS CON PACO NOGUEIRAS

FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: CONCERTO E SINATURA DE LIBRO-DISCOS CON PACO NOGUEIRAS

O espectáculo «C@nto contigo» do músico Paco Nogueiras reúne cancións dos seus libro-discos «Brinca vai!», «Radio Bulebule», «Extra!» e «Son animal», publicados por KALANDRAKA. Máis dunha década de traxectoria dende a publicación das súas primeiras cancións en 2014, resumida nun gran concerto no que as nenas, os nenos e as familias non paran de cantar e bailar. Trala actuación que ofrecerá o venres 8 de agosto ás 17:30 horas na Feira do Libro da Coruña, Paco Nogueiras asinará exemplares das súas obras na caseta da editorial, a partir das 18:30 horas.

Cun amplo abano de estilos, dende o techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, con influencias da música tradicional, «Brinca vai!» traza unha viaxe polas festas e as celebracións anuais, como o Entroido, o Magosto, o Samaín ou o Nadal, ademais de abordar outros temas do currículo escolar como as estacións, a natureza, a amizade ou os xogos.

O repertorio de «Radio Bulebule» artéllase como a programación dunha emisora radiofónica na que hai noticias, información deportiva, previsión meteorolóxica, faladoiro e seccións tan variadas como ciencia, beleza ou axenda cultural.

A prensa escrita é o eixe argumental das cancións de «Extra!», un xornal musical cheo de ritmo, humor e troula no que as noticias nacionais e internacionais, os sucesos, a divulgación, os pasatempos e outros contidos de interese entran polos ollos, as orellas, e as mans, xa que este libro-disco inclúe unha publicación impresa.

«Son animal» lévanos ata o agro galego, onde habitan as criaturas domésticas e silvestres que protagonizan as cancións: a vaca, a galiña, o porco, o burro… mais tamén a ra, o grilo… dos que describe as súas calidades físicas, os seus costumes e habilidades. David Pintor ilustrou os dous primeiros libro-discos e Marc Taeger os dous seguintes. Xunto cos traballos discográficos, moitas das pezas tamén contan con divertidos videoclips.

August 8 2025

Detalles

Comienzo: August 8, 2025, 5:30 PM
Fin: August 8, 2025, 7:30 PM
Dirección: Feira do Libro da Coruña, Xardíns de Méndez Núñez

Sede

Feira do Libro da Coruña

+ Google Map