Radio Bulebule

Unha ducia de cancións divertidas, pegadizas e inspiradas nas ondas herztianas conforman a grella de programación dunha emisora comunitaria onde "o falar non ten cancelas"

«Radio BULEBULE» é o novo traballo de Paco Nogueiras logo de «Brinca vai!» (III Premio Martín Códax da Música - Infantil) que, trala súa publicación como libro-cd-dvd deu lugar a varios espectáculos cos que o compositor e intérprete percorreu festivais, escenarios e escolas de toda Galicia. O medio radiofónico inspira as 12 cancións deste novo libro-disco no que volven participar o ilustrador David Pintor e José Miguel Sagüillo dirixindo os videoclips que, como novidade, forman unha curtametraxe. Os temas dispóñense ao xeito da grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades -tendencias, ciencia, natureza…- , música, faladoiro, noticias, información deportiva e ata previsión meteorolóxica. Inspirado nas ondas herztianas, entre as cancións tamén están presentes as transicións, os indicativos, os sinais horarios e outros elementos sonoros propios deste versátil medio xornalístico.

Fiel á frescura do seu estilo e á súa conexión co público infantil, o autor coida as letras das composicións e as melodías, que destacan polos ritmos modernos, pegadizos e bailables, invitando á participación do público. As ilustracións de David Pintor apostan por consolidar o personaxe creado en “Brinca vai!”, que tanto callou entre lectores e lectoras de todas as idades: a figura de Paco Nogueiras segue representándose cos seus característicos lentes e co seu inseparable chapeu azul. O colorido e a expresividade volven ser as súas marcas de identidade.

Unha ducia de xornalistas e comunicadores acompañan a publicación con textos sobre o valor da radio como ferramenta informativa, a súa utilidade no eido escolar a través da expresión oral ou o desenvolvemento de habilidades sociais e tecnolóxicas.
Leer más
Leer menos
23,00 €