AFINIDADES ELECTIVAS EN LIBROS PARA SOÑAR: MARIA GIRÓN E GONZALO MOURE

AFINIDADES ELECTIVAS EN LIBROS PARA SOÑAR: MARIA GIRÓN E GONZALO MOURE

A ilustradora Maria Girón e o escritor Gonzalo Moure visitarán Libros para soñar o vindeiro venres, 3 de outubro, a partir das 19:00 horas, para manter un «Diálogo entre imaxe e palabra». Este encontro, dirixido a docentes, profesionais de bibliotecas e mediación lectora, artistas plásticos, lectoras e lectores adultos, enmárcase na sexta edición do programa Afinidades electivas, promovido pola Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura, do Ministerio de Cultura.

Maria Girón e Gonzalo Moure comparten presenza e obra conxunta no catálogo de KALANDRAKA. O seu libro «Miña Guía, Meu Capitán», recibiu o Premio Fundación Cuatrogatos 2021, foi incluído na Selección IBBY 2023 para mozas e mozos con discapacidade e a Biblioteca Pública de Nova York distinguiuno entre os mellores libros de 2020. Conta a fonda relación entre unha nena con discapacidade visual e o seu pai, invidente, a través dos xogos de fantasía e sonoridade que artellan no camiño de ida e volta á escola. Á altura literaria dun texto delicioso súmanse unhas ilustracións repletas de luz, color e ledicia nas que o espazo urbano é colonizado polos animais salvaxes que habitan no maxín da cativa.

Xornalista e escritor, Gonzalo Moure recibiu os principais recoñecementos no eido da literatura infantil e xuvenil: Premio Cervantes Chico 2017 pola súa traxectoria, Gran Angular 2003, Ala Delta 2001, El Barco de Vapor 1995, Lista de Honra IBBY 1993 e 1991, The White Ravens… A súa escrita destaca polo compromiso social: o pobo saharauí e os bibliobuses Bubisher, os dereitos da infancia, a igualdade ou o medio ambiente. Ademais deste álbum, nesta editora tamén é autor de “Por qué llora la maestra”, un breve ensaio no que pon o seu oficio e experiencia ao servizo de quen quere dedicarse á escritura.

Maria Girón estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona, completou a súa formación en Boloña e Sevilla, e especializouse en ilustración na Escola Llotja. En 2024 recibiu o XVII Premio Internacional Compostela por «Bim Bam Bum», as divertidas aventuras dun grupo de amigas e amigos que pasan unha xornada na praia entre xogos, melodías e humor. É o seu primeiro libro como autora integral, ao que seguiu «Cinco ratiños», ademais de ter ilustrado títulos como «Os migrantes» e «Cos brazos abertos», entre outros.

ENCONTRO PREVIO CON MARIA GIRÓN

Precisamente, «Bim Bam Bum» será o eixo central dunha sesión de contos previa, a partir das 17:15 horas, para nenas e nenos de todas as idades. Ademais dunha celebración da amizade, este libro tamén representa unha reivindicación do xogo infantil baseado na liberdade, no movemento, na oralidade e na imaxinación fronte ao sedentarismo, os xoguetes sofisticados e as pantallas electrónicas.

Ademais de narrar o relato, Maria Girón tamén fará unha demostración de ilustración e asinará exemplares desta e doutras obras da súa autoría.

October 3 2025

Detalles

Comienzo: October 3, 2025, 7:00 PM
Fin: October 3, 2025, 8:30 PM
Dirección: Triunfo, 1. Vigo

Sede

Libros para soñar, Vigo

+ Google Map