Despois do diario de Anne Frank

Von Benda-Beckmann, Bas Traducción: María Alonso Seisdedos e Antón Vialle

Un estudo histórico pioneiro sobre o destino das oito persoas que habitaron a Casa de atrás despois do seu arresto o 4 de agosto de 1944. Un tributo á memoria para que siga viva e alerta ante os desafíos presentes e futuros. Fotografía: Fundación Anne Frank

“Despois do diario de Anne Frank” é un estudo histórico pioneiro, o máis completo e sistemático, que se realizou sobre o destino de cada unha das oito persoas que habitaron a Casa de atrás despois do 4 de agosto de 1944, cando foron descubertas e arrestadas: Otto Frank -único supervivente- coa súa esposa Edith e as súas fillas, Anne e Margot; o matrimonio Hermann e Auguste van Pels co seu fillo Peter; e o dentista Fritz Pfeffer. Dando continuidade ao labor de anteriores investigacións, Bas von Benda-Beckmann reconstrúe meticulosamente a experiencia destas vítimas do Holocausto -iconas dun xenocidio que segou a vida de once millóns de persoas- dende como vivían antes da guerra, pasando polo seu traslado inicial ao campo de tránsito holandés de Westerbork, a súa distribución posterior entre Auschwitz-Birkenau, Bergen-Belsen, Mauthausen, Raguhn, Melk e Neuengamme, e finalmente as penalidades que sufriron: traballos forzados, violencia, fame, doenzas, morte…

As súas fontes foron o relato de numerosas testemuñas reunidas no marco do proxecto de historia oral da Fundación Anne Frank e outras institucións, unha abundante documentación oficial -listaxes de deportación, mapas dos campos, fotografías…- e o contido doutros diarios. O resultado é unha obra que, ademais de narrar a traxedia con precisión e crueza, aínda que dunha forma sensible, evocadora e fluída, tamén se completa con material gráfico revelador e un amplo anexo informativo.

Son moitas as voces anónimas e silenciadas por este terrible episodio da Historia contemporánea, as lagoas e os retos historiográficos; mais a achega de Benda-Beckmann e os seus predecesores deparou novas descubertas sobre o destino dos “agochados” no contexto do exterminio do pobo xudeu europeo perpetrado polos nazis. Un tributo á memoria para que siga viva e alerta ante os desafíos presentes e futuros.
Leer más
Leer menos
20,00 €

Otros idiomas: