Isto é moi estraño…

Galí, Mercè Tacchini, Matilde Traducción: Rodríguez, Manuela

Unha divertida historia chea de humor, dobres sentidos e situacións hilarantes que convida a xogar coas marabillosas posibilidades creativas da linguaxe.

Coala, ratiño, leirón, pitiño, porquiño, mono… Un neno comparte a súa sorpresa ante as consideracións tan diversas que teñen del os membros da súa familia e da contorna próxima nas diferentes situacións que acontecen ao longo do día: apelativos e símiles referidos a animais que, polos seus hábitos ou habilidades, se asocian ao comportamento humano dende un punto de vista agarimoso ou en ton humorístico, de aí o emprego de diminutivos. Xorde así a necesidade de autoafirmación por parte do protagonista; unha reivindicación da propia identidade coa que pretende poñer fin á disparidade de opinións, que non contan co seu beneplácito.


«Isto é moi estraño…» achéganos ao carácter espontáneo das nenas e dos nenos, ao xeito no que fan valer a súa personalidade fronte aos demais. O texto de Matilde Tacchini, cheo de frescura e dobres sentidos, pon o foco no punto de vista dos rapaces e das rapazas ante o costume, sobre todo dos adultos, de etiquetalos ou infantilizalos en exceso. Un cómico e irónico final dá conta da incomprensión que pode separar as percepcións de ambos.


As divertidas ilustracións de Mercè Galí, que destacan pola economía de recursos, completan o sentido metafórico do testemuño en primeira persoa que protagoniza este simpático relato. Os animais -humanizados coa simple representación duns lentes- son figuras expresivas, bosquexadas con trazos rápidos e grosos sobre fondos neutros, sen apenas elementos adicionais e acompañadas de pequenos escenarios paralelos que acentúan o sentido do humor do relato.

Leer más
Leer menos
14,00 €