Técnicas Freinet da escola moderna

Freinet, Célestin Traducción: Antón Costa

As innovacións didácticas aplicadas por docentes do Instituto Cooperativo da Escola Moderna contribuíron á mellora do clima escolar, tecendo novas relacións entre alumnado, mestres e medio ambiente. Unha obra de trascendencia internacional para o progreso da educación e da cultura. Fotografía de cuberta de VICENTE BLANCO

Célestin Freinet practicou unha nova maneira de entender a escola, partindo da idea dos nenos e das nenas como persoas completas con grandes capacidades e desenvolvendo as súas destrezas para a aprendizaxe de forma autónoma. Este pedagogo sostiña que o centro da escola está nos educandos, non nas materias. Neste sentido, as súas propostas incidían na necesidade de substituír as leccións dende a cátedra por métodos activos e participativos baseados no tanteo experimental para afianzar a aprendizaxe dende a investigación, a experiencia e a experimentación. Coas súas ideas, Freinet diferenciouse das referencias pedagóxicas anteriores: “É a primera vez na historia da pedagoxía que un intento de renovación parte radicalmente da base”. Freinet impulsou unha pedagoxía moderna que achegou novas técnicas, modernizou o material escolar e os instrumentos, empregando a tecnoloxía da época como soporte para adquirir coñecemento. Comprometido cos máis desfavorecidos, o seu campo de traballo foi a escola rural, cuxo alumnado eran os fillos e as fillas do campesiñado.

Entre as súas innovacións destacaron a introdución nas aulas da imprenta para reproducir textos libres escritos polo alumnado, a correspondencia interescolar e o intercambio de experiencias con outros centros ou a asemblea e a cooperativa da clase; mais tamén o cinema, a radio e os discos. Promoveu a clase-paseo para favorecer o interese pola natureza, a observación e a escoita, a formulación de preguntas e a busca de respostas. Potenciou as matemáticas a través do cálculo como instrumento para medir campos, calcular prezos e pesar obxectos. Ademais, apostou pola aprendizaxe da lectura dende unha visión comprensiva.

Como dicía Freinet, o reto estaba en “mudar as relacións entre Escola e Vida, entre nenos e mestres, para adaptar e readaptar a escola ao medio”, procurando un mellor rendemento. Milleiros de colexios en Francia e noutros países implantaron o seu modelo.
Leer más
Leer menos
17,00 €