O amante

Duras, Marguerite Traducción: Oriana Méndez

Unha viaxe ao delta do Mekong, aos arrozais; unha relación na que o erotismo é sensualidade e beleza. Inspirada nas lembranzas de mocidade da autora, nos seus anceios de liberdade, nos seus medos, nos seus retos. Ilustración de cuberta de SONIA PULIDO

«O amante» é unha das obras mestras de Marguerite Duras. Publicada en 1984 cando a autora tiña 70 anos, esta novela autobiográfica e de tintes eróticos gañou o Premio Goncourt e foi traducida a máis de 45 idiomas. A protagonista é unha ferm osa adolescente de orixe francesa que vive en Saigón, na Indochina colonial de principios do século XX. A súa familia está arruinada e a moza inicia unha complexa relación cun comerciante chinés ao que coñece nun transbordador que cruza o río Mekong. Marguerite Duras fixo da súa vida a materia prima das súas obras, que emanan un irresistible poder de atracción. «O amante» destaca pola sinceridade coa que a autora relata recordos tan íntimos da súa xuventude. Lonxe de ser unha historia de amor, a novela transmite a tristura, a infelicidade e a amargura dunha rapaza. Explícase así a actitude rebelde que identifica a autora, as ansias por romper coa súa familia e deixalo todo para emprender unha nova vida dedicada á súa paixón pola literatura.

Trátase dunha obra breve e de ritmo áxil, feita a base de pequenos parágrafos sen capítulos nin divisións, nos que a Duras dálle renda solta aos seus pensamentos, dun xeito case caótico e entrecortado, empregando frases curtas, directas e telegráficas, cheas de sentimentos e de emocións contraditorias. A novela ―levada ao cinema en 1991 por Jean-Jacques Annoud― require unha lectura concentrada e atenta ás elipses e os saltos temporais que caracterizan este relato tan humano e conmovedor.
Leer más
Leer menos
12,00 €