Verme

Libro interactivo en formato acordeón que nos presenta un novidoso dispositivo mecánico dirixido por uns divertidos operarios, co que é posible viaxar ao centro da Terra. Mira con atención e poderás descubrir as súas aventuras!

“Verme” é o nome que recibe este novidoso dispositivo mecánico capaz de cavar a terra, limpala e fertilizala. Do seu funcionamento encárganse uns operarios vestidos de amarelo que protagonizan unha morea de aventuras. Este divertido libro interactivo sen palabras dos autores de “Balea” é ideal para estimular a agudeza visual e a creación de historias. En formato acordeón, ao despregalo transfórmase nun gran mural de dobre cara. “Verme” propón unha lectura do álbum ilustrado que favorece a autonomía na xestión do tempo de lecer, pero, ao carecer de texto escrito, estimula a aprendizaxe lingüística porque as nenas e os nenos que observan son quen poñen as palabras para crear estas historias.

Como xa acontecera con “Balea”, o lector goza esculcando a través do cento de xanelas que se abren sobre o casco deste novo sistema de transporte cara ao fondo da terra. Ambos os libros evocan as viñetas de Francisco Ibáñez en “13, Rue del Percebe”, así como as propostas lúdicas do alemán Ali Mitgusch cos seus “álbums de imaxes ocultas” ou as multitudes de Martin Handford en “Onde está Wally?”.

Federico Fernández e Germán González retoman a idea dunha comunidade en movemento, en harmonía coa natureza e que fai da colaboración en igualdade unha forma de vida.
Leer más
Leer menos
16,00 €