FEIRA DO LIBRO DE VIVEIRO: "SON ANIMAL" CON PACO NOGUEIRAS

FEIRA DO LIBRO DE VIVEIRO:

Paco Nogueiras recolle a banda sonora do noso medio rural no seu novo libro-disco, «Son animal», ilustrado por Marc Taeger e publicado por KALANDRAKA. O músico galego ofrece un concerto de presentación na Feira do Libro de Viveiro, o mércores 14 de agosto a partir das 18:30 horas nos Xardíns de Norieda Varela.

Tras «Brinca vai!», «Radio bulebule» e «Extra!», as doce cancións deste cuarto traballo musical de Paco Nogueiras teñen como protagonistas a animais domésticos como o can, o gato, a vaca, a galiña, o porco, o burro... e outros silvestres como a ra ou o grilo. Trátase de composicións que describen tanto as calidades físicas dos animais como os seus costumes e habilidades; ben de xeito poético, ben cun enfoque divertido e humorístico. Paco Nogueiras trae ao presente as súas lembranzas da nenez en contacto con estes habitantes do agro, en contraposición co descoñecemento que moitas nenas e nenos teñen actualmente desta fauna tan próxima pola desconexión das vilas e das cidades co campo, cada vez máis despoboado.

Co título deste libro-disco tamén fai un xogo de palabras: dunha banda, apela á condición animal do ser humano en relación á biodiversidade do planeta; por outro lado, dialoga con estas criaturas a través da linguaxe -ladrando, miañando, orneando, bruando, cacarexando…- coa que se comunican.

E consonte coa riqueza sinfónica destas voces, son tamén moi variados os estilos: dende pezas con raigame tradicional galega e portuguesa, aos ritmos electrónicos, a balada acústica, o rock&roll ou o rap, pasando polos ecos do leste de Europa ou de terras andinas; unha viaxe musical polo mundo que invita a bailar e a cantar con retrousos alegres e pegadizos.

O ilustrador Marc Taeger desenvolve unha proposta gráfica a base de trazos grosos, fondos coloridos e luminosos que acentúan os riscos característicos dos animais, reforzando o sentido do humor e o afecto que producen os intérpretes desta singular orquestra.

August 14 2024

Xehetasunak

Hasi: August 14, 2024, 6:30 PM
Amaiera: August 14, 2024, 7:30 PM
Helbidea: Xardíns de Noriega Varela, Viveiro

Sede

Feira do Libro de Viveiro

+ Google Map