CULTURGAL: BERNARDO ATXAGA PRESENTA "EXTERIORES DO PARAÍSO"
![CULTURGAL: BERNARDO ATXAGA PRESENTA CULTURGAL: BERNARDO ATXAGA PRESENTA](https://kalandraka.com/media/event/2-19h-Exteriores-do-paraiso-min.jpg)
O escritor Bernardo Atxaga presentará a súa nova obra, «Exteriores do paraíso», o sábado 2 de decembro a partir de las 19:00 horas no Espazo Letras de Culturgal, que se celebra en Pontevedra. "Fixen o meu debuxo máis íntimo, xenuíno e verdadeiro”, ten afirmado o autor sobre este texto publicado por KALANDRAKA, con tradución de Isaac Xubín. “Quere saber como é este home? Lea este libro", engade Atxaga, que conversará co xornalista cultural Ramón Rozas.
«Exteriores do paraíso» é un artefacto literario, un híbrido que vadea os límites da narrativa, da poesía e da autobiografía; unha lectura diferente que permite viaxar por unha paisaxe onde conviven formas e materias que rara vez soen ir xuntas. Á narración melancólica séguenlle uns versos que fan rir; ao apunte autobiográfico súmase o relato dunha lectura pública singular ou unha extravagante conferencia sobre literatura.
Máis aló da súa variedade formal e estilística, as páxinas desta obra, de estrutura ordeada e clara, comparten un mesmo fondo: volven unha e outra vez sobre o amor, o medo e a morte; os temas que, dende a primeira gripe de Adán —sinal do seu alonxamento do paraíso— acompañan a todas as persoas deste mundo.
«Exteriores do paraíso» vén se un libro esencial na extensa e recoñecida obra de Bernardo Atxaga, membro da Academia da Lingua Vasca e unha das figuras máis destacadas das nosas letras: Premio Euskadi, Premio Nacional de Narrativa, Premio Grinzane Cavour, Premio Mondello, Premio Times Literary Supplement Translation, e finalista do European Literary Award, do Independent Foreign Fiction Prize e do Oxford Weideenfeld Translation Prize.
Trala presentación, o autor asinará as súas obras no stand de KALANDRAKA (nº 39) a partir das 19:45 horas.