VICENTE BLANCO E SALVADOR CIDRÁS EN FARO EDUCA  

VICENTE BLANCO E SALVADOR CIDRÁS EN FARO EDUCA   

Os artistas plásticos e docentes Vicente Blanco e Salvador Cidrás participarán o 6 e 7 de outubro no VII Foro de Educación FARO EDUCA, no Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo. En ambas as datas –venres a partir das 17:00 h e sábado dende as 17:45 h– impartirán o obradoiro «O lugar do caos: educación artística e creatividade», no que ofrecerán técnicas e procesos creativos para “contar e expresar ideas a través da narración, a través de debuxo, deseño e volume”.

Formados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Vicente Blanco e Salvador Cidrás son autores de «Educar a través da arte», publicada na Biblioteca de Pedagoxía de KALANDRAKA. Destinado tanto ao profesorado en activo como a futuros docentes, especialmente de Educación Infantil e de Primaria, mais tamén de Secundaria, este libro propón un modelo de traballo para iniciar “cambios educativos significativos baseados no desenvolvemento de procesos persoais que foxen das respostas estereotipadas e convencionais”.

«Educar a través da arte» recolle experiencias “performativas” que abranguen traballos co barro, co papel ou co debuxo experimental, entre outras propostas. Tamén son impulsores do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada, que integra a profesionais das artes, da arquitectura, da filosofía e da educación infantil.

Ademais da súa faceta docente, Vicente Blanco e Salvador Cidrás son artistas multidisciplinares cunha ampla traxectoria creativa e expositiva. As súas obras teñen pasado polos museos de arte contemporánea máis prestixiosos, dende o CGAC en Compostela ou o MUSAC en León ata o Reina Sofía en Madrid, pasando por centros de nivel internacional en Berlín, Ámsterdam, Nova York ou Tokio. O seu traballo «Debuxar o mundo» recibiu o Premio Marta Mata de Pedagoxía 2020, concedido pola Asociación de Mestres Rosa Sensat.

 

October 6 2023

Detalles

Comenzo: October 6, 2023, 5:00 PM
Fin: October 7, 2023, 7:00 PM
Dirección: Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo

Sede

VII Foro da Educación Faro Educa

+ Google Map