O pintor cego

O retrato máis extraordinario, elaborado coa paleta dos soños e do amor verdadeiro... Unha historia de paixón, vinganza e retos imposíbeis é a obra póstuma de Xabier P. DoCampo, con ilustracións de Xosé Cobas, repletas de referentes pictóricos.

«O pintor cego» é un diálogo literario e artístico entre Xabier DoCampo e Xosé Cobas, ao que contribuíu de xeito especial o cadro «A illa dos mortos», de Arnold Böcklin. Existen varias versións deste lenzo que, andando o tempo, inspirou moitas outras creacións pictóricas, musicais, cinematográficas, escénicas e narrativas. Este libro -con traducións ao castelán e ao catalán de Xavier Senín e de Teresa Duran, respectivamente- é a obra póstuma de DoCampo, que nos transporta ao castelo dun rei malvado, cunha fermosa raíña da que se namora o protagonista, arquetipo da bondade e da xustiza. Gran contador de historias, a habilidade e a elegancia descritiva de Xabier DoCampo, con palabras precisas e suxestivas, sitúanos na primeira fila dos aconteceres, expectantes ante un relato que combina paixón, vinganza e retos imposíbeis. Mais nada se rende ante o amor verdadeiro, cos soños como ponte á felicidade. Porque a paleta deste artista énchese de luz, de música e doutras materias primas -que, coma os sentimentos, son intanxíbeis- para elaborar o retrato máis extraordinario.

Dende o punto de vista plástico, o ostentoso detallismo das escenas palacianas contrasta coas figuras inacabadas do protagonista: bosquexadas, sen artificios, como a sinxeleza e a autenticidade que representa. No tratamento dos clarescuros, das texturas e nas homenaxes ao surrealismo, apréciase o eco de artistas como François Gérard, Jacques-Louis David, Sandro Botticelli, Johannes Vermeer, Francisco de Goya, Luis Feito ou Yves Klein. Fiel ao carácter simbólico da pintura orixinal, Xosé Cobas converte un pano na metáfora visual da cegueira do pintor, plasmando o movemento da tea, o dinamismo das súas ondas, nunha brisa morna e lene.

No rumor que moldea ese tecido habita a voz potente e vigorosa de Xabier DoCampo, anoada aos seus lectores e lectoras a través do fío irrompíbel da memoria.
Leer más
Leer menos
16,00 €

Otros idiomas: