O osiño Chispa
Fronte ao abandono escolar, un álbum tenro e divertido sobre a autonomía persoal, a experimentación e a escola como espazo de encontro e aprendizaxe.
«O osiño Chispa» é un álbum tenro e divertido arredor da importancia da escola e da aprendizaxe, da necesidade de ir adquirindo autonomía persoal e ter en conta os consellos dos maiores. Aventureiro, alegre e decidido, unha mañá achégase onda a súa nai para dicirlle que vai deixar a escola porque xa é maior e quere traballar… Pero cociñar, coser, pintar a porta da casa ou fabricar unha cadeira resultan ser tarefas máis difíciles do que imaxinaba. Tras un encontro co vello Don Moucho, Chispa reconsidera que quizais non é tan mala idea volver ao colexio e atoparse de novo cos seus amigos, aos que tanto bota de menos.
Chispa descoñece que a madurez é cuestión de tempo, que a aprendizaxe é unha etapa básica da infancia e que non está preparado aínda para algúns traballos. Lonxe de desanimalo e facerlle mudar de opinión ante o seu impulso, os adultos permítenlle experimentar e decatarse por si mesmo das dificultades. Esta fábula contemporánea aborda, para pequenos e maiores, o valor do coñecemento, da perseveranza e do esforzo, e presenta a escola como lugar de formación e socialización.
Canda o texto poético e descritivo de José Antonio Abad, as ilustracións de Rosa Osuna achegan calidez, detallismo e sinxeleza nos trazos, ademais dunha acertada combinación cromática.
Otros idiomas:



