VILAGARCÍA, CIDADE DE LIBRO: FERNÁNDEZ&GONZÁLEZ PRESENTAN "VERME"

VILAGARCÍA, CIDADE DE LIBRO: FERNÁNDEZ&GONZÁLEZ PRESENTAN

O libro que abrangue os «35 anos de axitación cultural» do Grupo Chévere, a serie completa das «Crías de animais» coa que o Tándem Seceda lle achega a fauna do planeta ás nenas e aos nenos, e a proposta lúdica de Federico Fernández e Germán Gónzález a partir dos libros despregables «Verme» e «Balea» son as achegas de KALANDRAKA á programación de Vilagarcía, Cidade do Libro, que se desenvolve na capital do Salnés ata este domingo.

Distinguida co Premio Follas Novas do Libro Galego 2023 na categoría de Iniciativa Cultural, obra de Chévere é unha autobiografía dialogada que, ao longo de trescentas páxinas, recolle toda a historia do grupo -Premio Nacional de Teatro 2014- dende a súa creación en 1987. Dous dos seus protagonistas, Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, participarán na presentación este xoves 15 de xuño a partir das 19:30 horas no escenario principal da Praza II República.

O libro conta cun amplo apartado gráfico de fotografías, imaxes de carteis e programas, documentación técnica, ademais dun epílogo escrito polo director da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Roberto Pascual.

Na derradeira xornada de Vilagarcía, Cidade do Libro, os mestres Pilar Martínez e Chema Heras, integrantes do Tándem Seceda xunto cos profesores e biólogos Xulio Gutiérrez e Isabel Pelayo, ofrecerán unha sesión de contacontos o domingo 18 a partir das 18:00 horas no Parque Miguel Hernández. O repertorio estará formado por algúns dos protagonistas da serie «Quen son? Crías de animais», que abrangue seis títulos dedicados a África, Europa, América, Australia, Asia e as terras polares.

Os autores presentarán varias especies de mamíferos e de aves agrupadas por continentes para inspirar a curiosidade pola fauna e polo coidado da natureza dende as primeiras idades. Cada título inclúe sete crías: con textos sinxelos e descritivos, acompañados das ilustracións realistas de Ester García, cada unha preséntase cunha adiviña e establece un diálogo directo e activo coas lectoras e cos lectores. Son textos cientificamente rigorosos que plasman a realidade da natureza de forma doada e comprensible, ademais de amosar a biodiversidade e as distintas formas de crianza.

Ás 19:00 horas os artistas Federico Fernández e Germán González presentarán o seu novo libro, «Verme», no espazo de presentacións do Parque Miguel Hernández. Trátase dun libro visual, interactivo e despregable que vén de recibir o Premio Follas Novas do Libro Galego 2023 na categoría de ilustración. Está protagonizado polos divertidos operarios dunha máquina coa que é posible viaxar ao centro da Terra. Despois de «Balea», esta é a súa segunda obra conxunta, coa que volven presentar unha proposta que permite estimular a agudeza visual, a creación de historias e a imaxinación.

Precisamente, os autores impartirán un obradoiro para nenas e nenos a partir das posibilidades literarias e artísticas que ofrece este libro de formato acordeón que, ao extendelo, transfórmase nun gran mural de dobre cara: mentres que nun lado se observa o exterior deste orixinal enxeño mecánico, a outra cara amósao por dentro, dividido en numerosas estancias nas que transcorren as aventuras dos seus habitantes.

Federico Fernández -Premio Nacional de Ilustración 2001- e Germán González son licenciados en Belas Artes pola Universidade de Vigo e ambos dedícanse á docencia. Crearon estes libros inspirándose nas viñetas de Francisco Ibáñez en «13, Rue del Percebe», nas propostas lúdicas de Ali Mitgusch cos seus “álbums de imaxes ocultas” e nas multitudes de Martin Handford en «Onde está Wally?».

June 18 2023

Detalles

Comienzo: June 18, 2023, 7:00 PM
Fin: June 18, 2023, 7:45 PM
Dirección: Parque Miguel Hernández, Vilagarcía de Arousa

Sede

Vilagarcía, Cidade do Libro

+ Google Map