RUTA DA "FILLA DAS ONDAS" EN PONTEVEDRA

RUTA DA

O luns 23 de xuño a partir das 19:00 horas, a piques de que prendan as cacharelas que iluminarán a noite máxica de San Xoán, a escritora Fina Casalderrey e o ilustrador Xosé Cobas, autores do libro «Filla das ondas», guiarán unha ruta aberta ao público que, dende o Espazo Nemonon, seguirá os pasos dos protagonistas deste relato ao longo dos Xardíns de Casto Sampedro, as prazas da Leña e da Pedreira, a Fonte dos Tornos ou a Casa das Campás, entre outros enclaves da zona monumental de Pontevedra.

Este paseo literario enmárcase na exposición das ilustracións orixinais que se pode visitar ata o 27 de xuño na sala cedida polo arquitecto Mauro Lomba. As rúas, as fontes, os escudos heráldicos, algúns dos recunchos máis emblemáticos e das edificacións históricas máis senlleiras... en definitiva, as abraiantes arquitecturas da Boa Vila protagonizan esta mostra que se pode visitar de luns a venres entre as 12:00 e as 14:00 horas, e polas tardes con cita previa contactando coa editorial no número de teléfono 667 401 563.

Nas imaxes apréciase a mestría de Xosé Cobas coa técnica do óleo creando texturas e veladuras que envolven as imaxes nunha atmosfera cálida e acolledora, o contraste entre o detallismo das pinceladas e os trazos bosquexados, o predomicio das tonalidades ocres que simbolizan a vinculación coa terra e, sobre todo, un especial tratamento na incidencia da luz sobre a paisaxe urbana. Estas novas ilustracións supoñen unha segunda vida para o relato de Fina Casalderrey, máis de 25 anos despois da súa publicación.

«Filla das ondas» conta a historia dun rapaz que se instala coa súa familia en Pontevedra, onde non se sente a gusto. Unha noite de San Xoán fará que mude por completo a súa percepción grazas a unha misteriosa nena que lle amosa a evolución da cidade nunha viaxe onírica a través do espazo e do tempo: dende os séculos XV e XVI coa Feira Franca, a muralla que rodea a vila señorial e o esplendor do barrio mariñeiro da Moureira, ata os séculos XIX e XX cando os protagonistas se encontran co pirata Benito Soto, co boticario Perfecto Feijoo e o seu loro Ravachol, e mesmo cos intelectuais Alexandre Bóveda e Castelao. Todo tipo de acontecementos sociais e culturais, anécdotas e curiosidades, lendas e tradicións, artéllanse con audacia nesta divertida e trepidante aventura na que “as pedras cóntannos moitas cousas”.

Fina Casalderrey actualizou o texto da primeira edición de 1999 para dar conta da transformación da cidade nos últimos anos, da admirable recuperación do conxunto histórico e do revolucionario modelo urbán de Pontevedra, poñendo en valor a memoria do pasado. Estas espectaculares ilustracións de Xosé Cobas realzan a beleza da Boa Vila e permiten coñecela dun xeito diferente a atractivo.

O ilustrador tamén realizou un plano da zona vella de Pontevedra situando os principais escenarios polos que transcorre este relato fantástico. Unha ducia de librarías e establecementos de Pontevedra dispoñen do mapa para que as lectoras e os lectores poidan seguir o percorrido dos protagonistas do libro.

«Filla das ondas» é unha obra máis na bibliografía de Xosé Cobas para KALANDRAKA tras ilustrar «Azucre», «O pintor cego», «Cadros dunha exposición» e «Galego á beira do mar», con textos de Bibiana Candia, Xabier P. DoCampo, José Antonio Abad e Juan Farias, respectivamente, ademais da edición en castelán de «Memorias de un niño campesino», de Xosé Neira Vilas. O artista de Negreira comezou a súa traxectoria como ilustrador na prensa diaria. A finais dos 80 centrouse na ilustración de libros infantís e xuvenís, faceta que compaxinou co seu traballo como deseñador gráfico na Deputación da Coruña. A súa obra suma máis de douscentos títulos publicados. Expuxo os seus traballos en galerías de España, Europa e Latinoamérica. Recibiu o Premio Gourmand World Cookbook ao mellor libro de literatura gastronómica en español, o Premio Fetén ao mellor libro de teatro ilustrado, os premios Díaz Pardo e Neira Vilas, e foi seleccionado na lista The White Ravens, entre outros recoñecementos.

June 23 2025

Detalles

Comienzo: June 23, 2025, 7:00 PM
Fin: June 23, 2025, 9:00 PM
Dirección: Praza da Ferrería, 1. Pontevedra

Sede

Espazo Nemonon, Pontevedra

+ Google Map