NÚRIA FIGUERAS E ANNA FONT, EN COMPOSTELA CON "A VISITA"

NÚRIA FIGUERAS E ANNA FONT, EN COMPOSTELA CON

Comezan as actividades arredor do acto institucional de entrega do XVI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado ás autoras de «A visita», Núria Figueras e Anna Font, que manterán senllos encontros con alumnado de Bacharelato Artístico do IES do Sar e con futuras mestras e mestres que se forman no CIFP Compostela.

Na sesión programada no IES do Sar abordarase fundamentalmente o proceso de creación da obra e os aspectos que máis teñen que ver coa técnica artística empregada pola ilustradora.

Aínda que a historia que conta «A visita» transcorre en plena noite, as páxinas deste libro destacan pola súa luminosidade e colorido: dende un bosque de vexetación esquemática, cun cromatismo exuberante e repleto de matices, a obra fai que as lectoras e os lectores se adentren nun cálido tobo onde se atopa a simpática figura da raposa e o trazo sinxelo co que se resolve a representación de algo tan intanxible e invisible como o Silencio; un minimalismo gráfico extensible tamén a outros elementos simbólicos como os latexos do corazón e os pensamentos da protagonista.

Na actividade que se vai desenvolver no CIFP Compostela as autoras van debullar as distintas lecturas que ofrece «A visita», como o papel positivo do Silencio para axudarnos a reflexionar, a practicar a introspección, a escoitarnos, coñecernos e saber que sentimos. «A visita» é un relato delicioso, orixinal e necesario que toma pinceladas dos contos clásicos, ademais de establecer un diálogo áxil e tenro entre os os personaxes. A través dos recursos literarios que emprega, anima as lectoras e os lectores a tomar conciencia do seu mundo interior, a gozar desas sensacións, e a redescubrir a súa propia esencia.

 

November 15 2023

Detalles

Comenzo: November 15, 2023, 9:45 AM
Fin: November 15, 2023, 1:00 PM
Dirección: IES do Sar: Rúa de Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, s/n, CIFP Compostela: Calle De Lamas de Abade, 0 S/N,

Sede

IES do Sar e CIFP Compostela

+ Google Map