FESTA DOS LIBROS DE PONTEVEDRA: ANTÓN REIXA PRESENTA "ENCICLOPEDIA PERPLEXIDADE"

FESTA DOS LIBROS DE PONTEVEDRA: ANTÓN REIXA PRESENTA

Recén chegado ás librarías, «Enciclopedia perplexidade» abrangue 47 anos da produción poética do escritor e artista multimedia Antón Reixa, co profesor e escritor Xabier Cordal ao cargo do limiar e da selección literaria publicada na colección Rizomas de KALANDRAKA. A Festa dos Libros de Pontevedra acolle unha presentación o sábado 6 de xullo a partir das 20:15 horas, no marco dun encontro co lema “Palabra e música” moderado pola xornalista Ana López e que tamén conta con Alberto Pombo, autor de «Verso e acorde. Relación entre literatura galega e música pop» (Xerais).

De finais da década de 1970 e principios dos 80 son os poemas que abren este singular compendio, creados con Rompente e recollidos en «Crebade as liras», «Silabario da turbina» e «A dama que fala», aos que se suma a obra «As ladillas do travestí». Aos seguintes 15 anos corresponden «Historia do rock and roll», «Transporte de superficie», «Ringo Rango» e «Escarnio». Xa no século actual a escolma inclúe composicións de «Látego de algas», «Leccións de cousas», «Algo raro pasa raro», «Michigan, acaso Michigan. Crónica de 18 días en coma», «Outlet» e o recente «2ª man».

Trátase, en conxunto, da primeira obra con vocación antolóxica que plasma o “punto de vista perplexo” de Antón Reixa sobre o mundo e a vida en relación á pegada do tempo. Para o autor, habitar no absurdo é unha forma de militancia e a perplexidade responde ao seu xeito de “escenificar o caos”. Precisamente, Xabier Cordal refírese ao Reixa “máis característico” como un “suxeito perplexo” que reflexiona sobre a sociedade en descomposición, exprésase con frases sincopadas -funky, reggae, rap e músicas nacidas na marxe son os seus referentes- e ten “capacidade radiográfica para observar diálogos e territorios”.

Alén de converterse nunha das figuras “máis destacadas da cultura galega contemporánea”, sorprende que a súa traxectoria conteña tantas facetas: cine, televisión, teatro, radio, música, videoarte, performance… mais sempre coa poesía en primeiro lugar. Velaquí un autor “revolucionario” que se recoñece “no diálogo conflitivo co seu tempo e na impugnación estética do seu espazo”, engade o prólogo de Xabier Cordal.

Na súa obra poética, a medio camiño “entre o xesto pop/punk e a vangarda surrealista”, o “surrealismo social” dos seus versos bebe dunha extensa temática que inclúe a estrañeza do cotián, as fraudes do idealismo, o inconsciente, os materiais de refugallo, o tempo e a decadencia, o desexo e o tabú, os efectos da depredación capitalista ou da violencia colonial en Galicia e noutros pobos, resume Cordal.

«Enciclopedia perplexidade» é o segundo título de Antón Reixa na colección Rizomas tras «Melancoholemia. Vida de mamarracho». Creador multimedia, autor de poemarios, obras de teatro e novelas, e exitoso director e produtor cinematográfico, coa fundación de Rompente e co rock subversivo de Os Resentidos, máis o proxecto Nación Reixa, marcou a varias xeracións de galegas e galegos. Suma numerosos recoñecementos, entre os que destaca a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2021.

 

July 6 2024

Detalles

Comienzo: July 6, 2024, 8:15 PM
Fin: July 6, 2024, 9:00 PM
Dirección: Praza da Ferraría, Pontevedra

Sede

Festa dos Libros de Pontevedra

+ Google Map