FEIRA DO LIBRO DE LUGO: CONTACONTOS DA SERIE "QUEN SON?"

FEIRA DO LIBRO DE LUGO: CONTACONTOS DA SERIE

KALANDRAKA celebra o Día das Letras Galegas na Feira do Libro de Lugo cunha sesión de contacontos a partir das 12 horas na Praza Maior a cargo de Pilar Martínez e Chema Heras, dous dos autores da serie «Quen son? Crías de animais», que acaba de incorporar novos títulos dedicados ao continente asiático e ás terras polares. 

Publicada na colección de ciencias, «Quen son? Crías de animais» consta de seis volumes e presenta varias especies de mamíferos e de aves agrupadas por continentes para inspirar a curiosidade pola fauna e polo coidado da natureza dende as primeiras idades.

Cada título inclúe sete crías: con textos sinxelos e descritivos, acompañados das ilustracións realistas de Ester García, cada unha preséntase cunha adiviña e establece un diálogo directo e activo coas lectoras e cos lectores; o enigma resólvese ao pasar a páxina, onde aparece coa súa familia no seu hábitat natural, ampliando a información sobre a contorna, os costumes e as características físicas dos adultos. Son textos cientificamente rigorosos que plasman a realidade da natureza de forma doada e comprensible, ademais de amosar a biodiversidade e as distintas formas de crianza.

Os mestres Pilar Martínez e Chema Heras forman parte do Tándem Seceda, artífices destes libros xunto cos biólogos e docentes Isabel Pelayo e Xulio Gutiérrez. Os catro teñen unha ampla traxectoria na creación e tradución de textos didácticos e literarios para os máis pequenos, ademais de ter publicado numerosas obras, tanto de literatura infantil como sobre o medio natural.

May 17 2023

Detalles

Comenzo: May 17, 2023, 12:00 PM
Fin: May 17, 2023, 12:45 PM
Dirección: Praza Maior, Lugo

Sede

Feira do Libro de Lugo

+ Google Map