EXPOSICIÓN DAS ILUSTRACIÓNS ORIXINAIS DE XOSÉ COBAS PARA "FILLA DAS ONDAS"

As rúas e as prazas da zona monumental de Pontevedra, as fontes e os escudos heráldicos, algúns dos recunchos máis emblemáticos e das edificacións históricas máis senlleiras... As abraiantes arquitecturas da Boa Vila protagonizan unha exposición de ilustracións orixinais de Xosé Cobas para o libro «Filla das ondas» publicado por KALANDRAKA, con texto de Fina Casalderrey. A mostra vaise inaugurar o luns 2 de xuño ás 19:00 horas no Espazo Nemonon (Praza da Ferrería, 1) coa presenza de ambos os autores, e permanecerá aberta ao público ata o venres 27 dese mes. Poderase visitar de luns a venres entre as 12:00 e as 14:00 horas, e polas tardes con cita previa contactando coa editorial no número de teléfono 667 401 563.
Nas imaxes expostas apréciase o contraste entre o detallismo das pinceladas e os trazos bosquexados, unha paleta cromática marcada polas tonalidades ocres vencelladas á terra e, sobre todo, un especial tratamento na incidencia da luz sobre as fachadas, os monumentos e os enclaves representados. Estas ilustracións supoñen unha segunda vida para o relato de Fina Casalderrey, 25 anos despois da súa publicación.
Conta a historia dun rapaz que se instala coa súa familia en Pontevedra, onde cre que non encaixa. Unha noite máxica de San Xoán fará que mude por completo a súa percepción grazas a unha misteriosa nena que lle amosa a evolución da cidade nunha viaxe onírica a través do espazo e do tempo: dende os séculos XV e XVI coa Feira Franca, a muralla que rodea a vila señorial e o esplendor do barrio mariñeiro da Moureira, ata os séculos XIX e XX cando os protagonistas se encontran co pirata Benito Soto, co boticario Perfecto Feijoo e o seu loro Ravachol, e mesmo cos intelectuais Alexandre Bóveda e Castelao. Todo tipo de acontecementos sociais e culturais, anécdotas e curiosidades, lendas e tradicións, artéllanse con mestría nesta divertida e trepidante aventura na que “as pedras cóntannos moitas cousas”.
Fina Casalderrey actualizou o texto da primeira edición de 1999 para dar conta da transformación da cidade nos últimos anos, da admirable recuperación do conxunto histórico e do revolucionario modelo urbán de Pontevedra, poñendo en valor a memoria do pasado. Estas novas e espectaculares ilustracións de Xosé Cobas realzan a beleza da Boa Vila e permiten coñecela dun xeito diferente a atractivo.
RUTA DA «FILLA DAS ONDAS»
Cobas tamén realizou un plano da zona vella de Pontevedra situando os principais escenarios polos que transcorre este relato fantástico. Unha ducia de librarías e establecementos de Pontevedra dispoñen do mapa para que as lectoras e os lectores poidan seguir o percorrido dos protagonistas do libro. Precisamente, o vindeiro luns 23 de xuño a partir das 19:00 horas, a piques de celebrarse a noite máxica de San Xoán, os autores guiarán unha ruta aberta ao público que, dende o Espazo Nemonon, seguirá os pasos de Froiaz e Mariña.
«Filla das ondas» é unha obra máis na bibliografía de Xosé Cobas para KALANDRAKA tras ilustrar «Azucre», «O pintor cego», «Cadros dunha exposición» e «Galego. Á beira do mar», con textos de Bibiana Candia, Xabier P. DoCampo, José Antonio Abad e Juan Farias, respectivamente, ademais da edición en castelán de «Memorias de un niño campesino», de Xosé Neira Vilas.
O artista de Negreira comezou a súa traxectoria como ilustrador na prensa diaria. A finais dos 80 centrouse na ilustración de libros infantís e xuvenís, faceta que compaxinou co seu traballo como deseñador gráfico na Deputación da Coruña. A súa obra suma máis de douscentos títulos publicados. Expuxo os seus traballos en galerías de España, Europa e Latinoamérica. Recibiu o Premio Gourmand World Cookbook ao mellor libro de literatura gastronómica en español, o Premio Fetén ao mellor libro de teatro ilustrado, os premios Díaz Pardo e Neira Vilas, e foi seleccionado na lista The White Ravens, entre outros recoñecementos