CULTURGAL: RECITAL DE "ENCICLOPEDIA PERPLEXIDADE" CON ANTÓN REIXA

CULTURGAL: RECITAL DE

O artista e escritor Antón Reixa vén de publicar a súa primeira antoloxía poética, «Enciclopedia perplexidade», que abrangue 47 anos de produción literaria, co profesor e escritor Xabier Cordal ao cargo do limiar e da selección dos textos, publicados na colección Rizomas de KALANDRAKA. O autor participa este domingo 1 de decembro, a partir das 18:00 horas, nun recital en Culturgal (Recinto Feiral de Pontevedra, rúa Alexandre Bóveda s/n). Compartirá escenario co Grupo Rompente, que reeditou o seu derradeiro libro colectivo. 

De finais da década de 1970 e principios dos 80 son os poemas que abren este singular compendio, creados con Rompente e recollidos en «Crebade as liras», «Silabario da turbina» e «A dama que fala», aos que se suma a obra «As ladillas do travestí». Aos seguintes 15 anos corresponden «Historia do rock and roll», «Transporte de superficie», «Ringo Rango» e «Escarnio». Xa no século actual a escolma inclúe composicións de «Látego de algas», «Leccións de cousas», «Algo raro pasa raro», «Michigan, acaso Michigan. Crónica de 18 días en coma», «Outlet» e o recente «2ª man».

Trátase, en conxunto, da primeira obra con vocación antolóxica que plasma o “punto de vista perplexo” de Antón Reixa sobre o mundo e a vida en relación á pegada do tempo. Para el, habitar no absurdo é unha forma de militancia e a perplexidade responde ao seu xeito de “escenificar o caos”. Precisamente, Xabier Cordal refírese ao Reixa “máis característico” como un “suxeito perplexo” que reflexiona sobre a sociedade en descomposición, exprésase con frases sincopadas --funky, reggae, rap e músicas nacidas na marxe son os seus referentes-- e ten “capacidade radiográfica para observar diálogos e territorios”.

Alén de converterse nunha das figuras “máis destacadas da cultura galega contemporánea”, sorprende que a súa traxectoria conteña tantas facetas: cine, televisión, teatro, radio, música, videoarte, performance… mais sempre coa poesía en primeiro termo. Velaquí un autor “revolucionario” que se recoñece “no diálogo conflitivo co seu tempo e na impugnación estética do seu espazo”, engade o prólogo de Xabier Cordal.

Na súa obra poética, a medio camiño “entre o xesto pop/punk e a vangarda surrealista”, o “surrealismo social” dos seus versos bebe dunha extensa temática que inclúe a estrañeza do cotián, as fraudes do idealismo, o inconsciente, os materiais de refugallo, o tempo e a decadencia, o desexo e o tabú, os efectos da depredación capitalista ou da violencia colonial en Galicia e noutros pobos, resume Cordal.

«Enciclopedia perplexidade» é o segundo título de Antón Reixa na colección Rizomas tras «Melancoholemia. Vida de mamarracho», e recentemente publicouse tamén en castelán no selo Cuatro lunas de KALANDRAKA.

Creador multimedia, autor de poemarios, obras de teatro e novelas, e exitoso director e produtor cinematográfico, coa fundación de Rompente e co rock subversivo Os Resentidos, máis o proxecto Nación Reixa, marcou a varias xeracións de galegas e galegos. Suma numerosos recoñecementos, entre os que destaca a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2021.

December 1 2024

Detalles

Comienzo: December 1, 2024, 6:00 PM
Fin: November 27, 2024, 6:40 PM
Dirección: Recinto Feiral de Pontevedra, rúa Alexandre Bóveda (sen número)

Sede

Culturgal, Recinto Feiral de Pontevedra

+ Google Map