ANTÓN REIXA PRESENTA EN BARCELONA A ANTOLOXÍA "ENCICLOPEDIA PERPLEXIDADE"

ANTÓN REIXA PRESENTA EN BARCELONA A ANTOLOXÍA

O artista e escritor Antón Reixa vén de publicar a súa primeira antoloxía poética, «Enciclopedia perplexidade», que abrangue 47 anos de produción literaria, co profesor e escritor Xabier Cordal ao cargo do limiar e da selección dos textos, publicados en galego na colección Rizomas de KALANDRAKA e en castelán no selo Cuatro lunas, da propia editora. O autor participa este xoves 13 de marzo, a partir das 19:00 horas, nun recital na libraría Taifa (Carrer Verdi, 12) de Barcelona, que contará co acompañamento de Jordi Costa.

De finais da década de 1970 e principios dos 80 son os poemas que abren este singular compendio, creados con Rompente e recollidos en «Crebade as liras», «Silabario da turbina» e «A dama que fala», aos que se suma a obra «As ladillas do travestí». Aos seguintes 15 anos corresponden «Historia do rock and roll», «Transporte de superficie», «Ringo Rango» e «Escarnio». Xa no século actual a escolma inclúe composicións de «Látego de algas», «Leccións de cousas», «Algo raro pasa raro», «Michigan, acaso Michigan. Crónica de 18 días en coma», «Outlet» e o recente «2ª man».

Trátase, en conxunto, da primeira obra con vocación antolóxica que plasma o “punto de vista perplexo” de Antón Reixa -cuxa traxectoria foi recoñecida coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 202- sobre o mundo e a vida en relación á pegada do tempo. Alén de converterse nunha das figuras “máis destacadas da cultura galega contemporánea”, sorprende que a súa traxectoria conteña tantas facetas: cine, televisión, teatro, radio, música, videoarte, performance… mais sempre coa poesía en primeiro termo. 

«Enciclopedia perplexidade» é o segundo título de Antón Reixa na colección Rizomas tras «Melancoholemia. Vida de mamarracho». 

March 13 2025

Detalles

Comienzo: March 13, 2025, 7:00 PM
Fin: March 13, 2025, 8:00 PM
Dirección: Carrer Verdi, 12. Barcelona

Sede

Llibreria Taifa, Barcelona

+ Google Map