ANTÓN REIXA ASINA AS SÚAS OBRAS NA FEIRA DO LIBRO DE VIGO

ANTÓN REIXA ASINA AS SÚAS OBRAS NA FEIRA DO LIBRO DE VIGO

O escritor Antón Reixa asina as súas obras publicadas na colección Rizomas de KALANDRAKA na Feira do Libro de Vigo, o martes 2 de xullo a partir das 19:30 horas, na caseta de Cartabón. Trátase de «Melancoholemia. Vida de mamarracho» e da escolma poética «Enciclopedia perplexidade». Esta última, recén chegada ás librarías, abrangue 47 anos da súa produción poética, co profesor e escritor Xabier Cordal ao cargo do limiar e da selección literaria.

De finais da década de 1970 e principios dos 80 son os poemas que abren este singular compendio, creados con Rompente e recollidos en «Crebade as liras», «Silabario da turbina» e «A dama que fala», aos que se suma a obra «As ladillas do travestí». Aos seguintes 15 anos corresponden «Historia do rock and roll», «Transporte de superficie», «Ringo Rango» e «Escarnio». Xa no século actual a escolma inclúe composicións de «Látego de algas», «Leccións de cousas», «Algo raro pasa raro», «Michigan, acaso Michigan. Crónica de 18 días en coma», «Outlet» e o recente «2ª man».

Trátase, en conxunto, da primeira obra con vocación antolóxica que plasma o “punto de vista perplexo” de Antón Reixa sobre o mundo e a vida en relación á pegada do tempo. Para el, habitar no absurdo é unha forma de militancia e a perplexidade responde ao seu xeito de “escenificar o caos”. Precisamente, Xabier Cordal refírese ao Reixa “máis característico” como un “suxeito perplexo” que reflexiona sobre a sociedade en descomposición, exprésase con frases sincopadas --funky, reggae, rap e músicas nacidas na marxe son os seus referentes-- e ten “capacidade radiográfica para observar diálogos e territorios”.

Alén de converterse nunha das figuras “máis destacadas da cultura galega contemporánea”, sorprende que a súa traxectoria conteña tantas facetas: cine, televisión, teatro, radio, música, videoarte, performance… mais sempre coa poesía en primeiro termo. Velaquí un autor “revolucionario” que se recoñece “no diálogo conflitivo co seu tempo e na impugnación estética do seu espazo”, engade o prólogo de Xabier Cordal.

Na súa obra poética, a medio camiño “entre o xesto pop/punk e a vangarda surrealista”, o “surrealismo social” dos seus versos bebe dunha extensa temática que inclúe a estrañeza do cotián, as fraudes do idealismo, o inconsciente, os materiais de refugallo, o tempo e a decadencia, o desexo e o tabú, os efectos da depredación capitalista ou da violencia colonial en Galicia e noutros pobos, resume Cordal.

Creador multimedia, autor de poemarios, obras de teatro e novelas, e exitoso director e produtor cinematográfico, coa fundación de Rompente e co rock subversivo Os Resentidos, máis o proxecto Nación Reixa, marcou a varias xeracións de galegas e galegos. Suma numerosos recoñecementos, entre os que destaca a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2021.

July 2 2024

Detalles

Comienzo: July 2, 2024, 7:30 PM
Fin: June 24, 2024, 8:30 PM
Dirección: Praza de Compostela, Vigo.

Sede

Feira do Libro de Vigo

+ Google Map