Elmer e o osiño perdido

McKee, David Traducción: Xosé Manuel González

Nin o león, nin o tigre, nin os demais animais saben do paradoiro dun boneco perdido. Mais Elmer artella unha cadea de solidariedade entre todos os habitantes da selva para que o bebé elefante deixe de estar triste.

Elmer volve protagonizar unha historia chea de tenrura, empatía, xenerosidade e axuda colectiva. Nesta ocasión, o simpático elefante multicolor comparte o seu osiño de trapo cun bebé desgustado pola perda do seu boneco. Daquela, porase en marcha unha cadea de solidariedade entre todos os habitantes da selva na procura de tan prezado tesouro. Neste libro aparece un novo e pintoresco personaxe, Wilbur, curmán de Elmer que, a diferenza súa, é branco e negro, mais comparte con el o carácter burlón e cantareiro.

A medida que avanza a historia medra a intriga porque nin o león, nin o tigre, nin os demais animais da contorna saben do paradoiro do osiño. Todos concordan en salientar a importancia do boneco para o benestar das súas crianzas, pola seguridade que lles aporta. E unha vez máis, Elmer dará na clave: “Non é preciso ser diferente para ser especial” porque para cada pequecho, o seu xoguete é único.

Transcorridos máis de 30 anos dende a súa publicación, Elmer xa é un clásico da Literatura Infantil e Xuvenil contemporánea. As súas aventuras, mundialmente coñecidas, protagonizaron máis dunha vintena de títulos editados en numerosos países. Unhas ilustracións cheas de colorido e de contrastes, e un relato con tensión narrativa ben resolta, fan desta serie un recurso imprescindible para primeiros lectores enxalzando a tolerancia e o respecto polas diferenzas, afondando no autocoñecemento e na individualidade, e destacando a importancia de ser un mesmo.
Leer más
Leer menos
15,00 €