O home dos círculos azuis

Vargas, Fred Traducción: Antía Veres Gesto

Dende hai un tempo, as rúas de París amencen cuns misteriosos círculos de xiz trazados no chan… Un crebacabezas maxistralmente construído, un exemplo paradigmático da imaxinación macabra e da narrativa aguzosa da autora francesa.

Ilustración de cuberta de ADRIÀ FRUITÓS

Aos parisinos divírtelles un insólito fenómeno que dende hai meses acontece nas rúas da Cidade da Luz: “Victor, mala sorte a túa, ti que facías na rúa?” é a enigmática mensaxe que acompaña uns círculos trazados no chan con xiz. No centro desas figuras aparecen obxectos variopintos: a cabeza dun boneco, un trombón, unha bombilla, un iogur, unha pata de pomba… un gato morto! Corren ríos de tinta na prensa alentados polo maxín da veciñanza e polas especulacións dos xornalistas; hai psiquiatras que ata se aventuran a formular rebuscadas teorías sobre a autoría desas sorprendentes accións anónimas. Mais ao inspector Jean-Baptiste Adamsberg preocúpalle a crueldade que agroma nuns feitos aparentemente inxenuos e que tanto lle entusiasman á sociedade. A súa intuición non vai desencamiñada porque axiña, o que comezaran sendo sucesos estrafalarios, viran en traxedia ao desencadearse unha serie de asasinatos.

Os personaxes dunha bióloga mariña -Mathilde- e dun aposto invidente -Charles- son plenos acertos nesta novela áxil, amena, divertida e truculenta; a primeira dunha longa e exitosa serie protagonizada polo atípico e enigmático comisario Adamsberg, cuxos métodos de investigación baséanse máis na intuición que nas técnicas policiais convencionais representadas polo inspector Danglard. Traducida por primeira vez ao galego, o talento de Fred Vargas construíndo figuras con personalidade complexa, esquiva e hermética, máis o hábil manexo dos diálogos, atrapa o público páxina tras páxina grazas á equilibrada combinación entre tensión narrativa e humor negro, xerando un amplo abano de emocións, sensacións e constantes sorpresas.
Leer más
Leer menos
18,00 €