A miña mascota e mais eu
Un entrañable relato de amizade entre un can e un neno narrado dende un punto de vista diferente.
O protagonista desta fermosa historia conta a súa experiencia atendendo unha mascota: coidarse mutuamente, enredar xuntos, convivir no fogar e acompañarse nas tarefas da vida cotiá, entre xogos, aventuras e complicidades… Mais a medida que avanza o texto de David Hernández Sevillano evidénciase que a voz narradora co seu testemuño en primeira persoa non se corresponde coa figura humana, senón co animal. Esta brincadeira que induce á confusión co suxeito literario achega un enfoque inesperado e audaz, mantendo a ambigüidade ao longo de todo o relato.
Este recurso acentúa a tenrura, a intensidade das emocións e mesmo o humor; unhas calidades que tamén se transmiten nas ilustracións realistas de Alejandra Estrada, continuando coa proposta plástica e o minimalismo cromático do álbum «Nina e Antón». Son imaxes de estilo clásico e expresionista, bosquexadas con trazos áxiles e dinámicos que marcan a xestualidade e a expresividade corporal dos dous personaxes.
«A miña mascota e mais eu» introduce as nenas e os nenos na responsabilidade que supón facerse cargo —con paciencia, agarimo e empatía— dun animal de compañía, ademais de expor os beneficios para a autonomía persoal ao desenvolver actividades sinxelas como ocuparse das súas necesidades básicas, favorecer a expresión dos sentimentos ou a práctica do exercicio físico.
Otros idiomas: