As historias do Lobo de Area

Lind, Åsa Méndez, María Elina Traducción: Antón Lado

Continúan as aventuras e as novas experiencias de Zackarina co seu sabio amigo: a amizade, o medo, a morte… A frescura e mais a rebeldía dunha nena que busca o seu espazo de resistencia no mundo adulto.

Xa están aquí as novas aventuras do Lobo de Area e da pequena Zackarina! Se na primeira parte da triloxía a nena amosaba o seu enfado porque os seus pais non paraban de traballar e non tiñan tempo para ela, esta segunda entrega transcorre coa complicidade e coa atención dos adultos, mentres a protagonista segue medrando con novas experiencias e enriquecedoras leccións vitais: a amizade, os medos, a morte, a paciencia… sempre ao carón do seu mellor amigo, que a escoita, comprende e comparte con ela a súa sabedoría e desbordante imaxinación! En «As historias do Lobo de Area» habitan os planetas divertidos, os recordos felices e tamén os máis amargos, fondas reflexións sobre o tempo, a realidade e a condición humana, enfoques reconfortantes fronte á frustración e ao ímpeto infantil, a faísca que acende os contos…

Zackarina conserva a súa frescura e a súa rebeldía, o carácter inquedo e unha insaciable curiosidade, cuestionando as decisións unilaterais dos maiores, buscando o seu propio espazo de resistencia no mundo adulto, dialogando sobre as cuestións máis insólitas, discorrendo sorprendentes ideas. A protagonista feminina desta saga de Åsa Lind destaca pola súa impactante personalidade, espello no que mirarse moitas lectoras e lectores mentres a narración e os diálogos transcorren con fluidez e naturalidade, entre os destellos literarios dunha coidada linguaxe.

Cálidas e luminosas, con vigorosos contrastes cromáticos, as ilustracións de María Elina rodéannos co rumor do mar, coa brisa nos abetos e coa materia prima da que está feito este Lobo máxico, entrañable e soñador, perfecto compañeiro de xogos e de fantasías.
Leer más
Leer menos
16,00 €

Otros idiomas: