A transformación

Kafka, Franz Traducción: Laureano Araujo

Un clásico da literatura -breve, intenso e poliédrico- que, como caracteriza a narrativa de Kafka, presenta personaxes malditos e fondamente feridos. Unha lectura perenne porque a súa interpretación vaise adaptando aos tempos e as emocións que transmite son universais.Fotografía de cuberta: Pablo Otero e Marc Ritchie

«A transformación» é un clásico da literatura publicado en 1915, unha novela breve e intensa na que Franz Kafka verque a súa visión pesimista do mundo, o absurdo da existencia, a soidade, a humillación e a incomprensión, presentes tamén noutras obras súas. Esa destreza para que os lectores -atónitos e desacougados- se poñan na pel de personaxes malditos e fondamente feridos é unha das cualidades da súa inconfundible narrativa. Así, é posible percibir o rexeitamento que sofre o viaxante de comercio Gregor Samsa por parte dos seus achegados e do mundo exterior, e sentir a impotencia e a vergoña do protagonista ante a noxenta e cómica aparencia do insecto no que se convertera mentres durmía. Especialistas na obra de Kafka descríbeno como un ser inadaptado, con pouca autoestima e que non encaixa na sociedade; alguén que se sinte inferior, fracasado, inseguro e apoucado. Velaí un posible cerne desta obra, quizais unha metáfora radical da súa vida, incapaz de sentirse á altura das expectativas alleas. Dalgún xeito, sería un visionario da evolución do capitalismo e da alienación que provoca a vida moderna. Así, á interpretación autobiográfica e existencialista súmase outra lectura en clave filosófica, co ser humano sometido á explotación e á calamidade. Neste caso, Kafka cuestionaría a orde establecida e criticaría a indefensión das persoas fronte ao sistema, o Estado ou a propia familia.

A visión política desta obra identifícase co Holocausto nazi: dúas das irmás do autor morreron en campos de concentración e Samsa tamén padece a segregación e o confinamento por parte de quen o deshumaniza. A raíz do interese de Kafka pola filosofía e a relixión xudea, tamén se ten considerado a hipótese dunha parábola entre Deus e o home, sometido a unha opresión divina contra a que o protagonista se rebela, loitando por reconciliar a súa humanidade coa súa metamorfose. En definitiva, «A transformación» é unha lectura perenne porque a súa interpretación vaise adaptando aos tempos e as emocións que transmite son universais.
Leer más
Leer menos
13,00 €