A festa dos animais

Un acartonado ideal para xogar aos contrarios no que os animais acompañan as nenas e os nenos nas súas tarefas cotiás.

«A festa dos animais» presenta unha vintena de especies: insectos, mamíferos, aves, réptiles… Hainos de distintos tamaños, que habitan en ecosistemas diferentes, algúns dos protagonistas son domésticos e outros viven en estado salvaxe. O texto —que utiliza tipografía maiúscula e en cor para resaltar as palabras clave— establece un xogo de conceptos contrarios asociado ás calidades de cada criatura, ás súas habilidades ou ás súas características. Canda eles, varios nenos e nenas acompañan os seus movementos ou imitan as súas accións dun xeito lúdico, experimentando situacións divertidas e dando renda solta á súa curiosidade. 


Trátase dunha forma orixinal, interesante e asequible para as nenas e os nenos máis pequenos de coñecer a fauna do mundo e a súa diversidade, de celebrar a súa convivencia en harmonía e amizade, ao tempo que amplían o seu vocabulario con adxectivos, verbos e outras fórmulas da linguaxe.


Resulta especialmente chamativo o estilo vintage das ilustracións de Marcos Farina: son grafismos cun marcado interese pola xeometría, o coidado da composición e a expresividade dos xestos faciais, con cores suaves e planas.

Leer más
Leer menos
12,00 €