A hora da sesta

Stehr, Frédéric Traducción: Ballesteros, Xosé

É a hora da sesta na escola infantil e Leo non ten sono. Para entreterse, fai unha cabana e esperta o seu amigo Oli para amosarlla. Pouco a pouco, os demais compañeiros irán sumándose para construír unha na que caiban todos.

Esta serie de Frédérick Stehr protagonizada por pequenas aves desprende tenrura, humor e emoción; o autor ponse no lugar das nenas e dos nenos a través destes adorables personaxes que reflicten as inquedanzas e os sentimentos, auténticos e fondos, da infancia. Tras «Chin Bam Bum!» e «O día das apertas», situámonos na escola infantil con «A hora da sesta»: o relato comeza cando o pequeno moucho, incapaz de durmir, converte o colchón nunha cabana e chama a un dos compañeiros para amosarlla. A partir de aí, o tamaño da construción vai medrando a medida que os demais paxariños van espertando e sumando máis e máis xergóns ata armar, entre todos, unha “supercabana”.

O traballo colaborativo, o labor en equipo e a cooperación fan posible que, a través do xogo e da imaxinación, a escola sexa un espazo amable e divertido onde se fomentan a creatividade e as habilidades do alumnado.

Como en obras anteriores, «A hora da sesta» caracterízase pola súa estrutura sumativa e acumulativa, a sinxeleza dos diálogos con frases curtas, onomatopeas, e a atmosfera de ledicia, naturalidade e espontaneidade que envolve o relato. Fronte ao minimalismo e as liñas tenues que representan esquematicamente o dormitorio onde transcorre esta aventura, acentúanse os trazos e o colorido dos personaxes e das accións. Céntrase así a atención da lectura, que se estende ata a contracuberta cunha ilustración final que redondea e amplía a historia.
Leer más
Leer menos
12,00 €

Otros idiomas: