FESTA DOS LIBROS: SINATURA DE DAVID PINTOR

FESTA DOS LIBROS: SINATURA DE DAVID PINTOR

Unha ducia de artistas -os seus nomes son unha sorpresa- participarán na “Maratón de lectura e ilustración” coa que KALANDRAKA celebra o seu 25º aniversario na Festa dos Libros de Pontevedra, este venres a partir das 12:30 horas. Trátase dunha actividade para público de todas as idades que se desenvolverá ata as 14:00 horas na carpa da Praza da Ferraría. Diversas voces -autoras e autores, representandes da cidadanía a nivel social e cultural, nenas e nenos…- recitarán e interpretarán versos, contos e relatos ao tempo que as ilustradoras e ilustradores de cada título irán realizando, por quendas, cadansúa intervención artística nun gran mural colectivo.

Será tamén unha oportunidade para que as lectoras e os lectores poidan ver en directo como se realiza unha obra de arte con diversos estilos, técnicas e utensilios. Os autores dos libros representados tamén asinarán exemplares no stand de KALANDRAKA, onde a editorial vai expoñer unha ampla mostra dos Libros para soñar publicados ao longo destes 25 anos de traxectoria: prelecturas, contos tradicionais, obras de creación, literatura xuvenil e de adultos, libro ilustrado, libros sen palabras, poesía, libros de ciencias…

Ademais, a participación de KALANDRAKA na Festa dos Libros complétase coa presenza de varias autoras e autores na axenda de sinaturas das librarías: o venres a partir das 13:00 e das 18:30 horas, Bibiana Candia e Xosé Cobas asinarán a edición ilustrada de “Azucre”, traducida ao galego por Xurxo Chapela, no stand da libraría Paz.

O sábado ás 12:30 horas o ilustrador David Pintor dedicará exemplares da súa nova obra, Tartaruga vs. Lebre, o desquite, e outros títulos da súa autoría, no posto da libraría Seijas.

A libraría Metáfora contará co mestre e escritor Xosé Manuel González ‘Oli’, que asinará exemplares da serie formada por “Ratos da casa”, “Ratos na escola” e “Ratos de viaxe”, ademais de “Once damas atrevidas”, “O pirata Pata de Lata” e “Artur”.

Finalmente, o domingo ás 12:30 horas Kiko Da Silva acudirá ao stand do Espazo Lector Nobel para dedicar exemplares de “Moncho e a mancha” e “Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis”.

July 8 2023

Xehetasunak

Hasi: July 8, 2023, 12:30 PM
Amaiera: July 8, 2023, 1:30 PM
Helbidea: Praza da Ferraría, Pontevedra

Sede

Festa dos Libros de Pontevedra

+ Google Map