FEIRA DO LIBRO DE VIGO: LUCÍA COBO ASINA "OSA"

FEIRA DO LIBRO DE VIGO: LUCÍA COBO ASINA

KALANDRAKA vén de recuperar no catálogo dos Libros para soñar o primeiro álbum da ilustradora Lucía Cobo. «Osa», con texto do científico e divulgador José Ramón Alonso, aborda o ciclo da natureza e o ciclo da vida, que se funden nunha tenra historia. A caseta da libraría Cartabón na Feira do Libro de Vigo recibe o sábado 6 de xullo a Lucía Cobo, que asina exemplares a partir das 12:30 horas.

«Osa» achega unha ollada orixinal arredor da maternidade, mesturada co ciclo da natureza a través das estacións. O texto, breve e poético, contrasta coa forza expresiva das imaxes: primeiros planos que resaltan a fisionomía monumental da protagonista; o detallismo nos trazos, nos matices cromáticos e nas texturas; o dinamismo das imaxes e a representación do paso do tempo.

Reforzando o lirismo das palabras, destacan especialmente as metáforas visuais: o valor simbólico das pegadas que envolven a obra, a anatomía de Osa integrada na paisaxe e o paralelismo entre a primavera e a maternidade incipientes. Velaí o agromar da vida, cerna deste fermoso libro que sitúa as lectoras e os lectores ante as sensacións dunha criatura tan poderosa como entrañable.

De orixe lucense mais afincada na Coruña, Lucía Cobo estudou Enxeñaría e, logo de traballar uns anos como deseñadora gráfica, titulouse en Ilustración na Escola Pablo Picasso, ampliando a súa formación cun Máster en Álbum Ilustrado. Ademais de ilustrar libros, tamén imparte obradoiros para público infantil e adulto. Recibiu unha mención de honra no V Catálogo Iberoamericano de Ilustración (2014), entre outros recoñecementos. «Osa» é o seu segundo título en KALANDRAKA, tras ilustrar o poemario «Continente animal».

 

 

July 6 2024

Xehetasunak

Hasi: July 6, 2024, 12:30 PM
Amaiera: July 6, 2024, 1:30 PM
Helbidea: Praza de Compostela, Vigo

Sede

Feira do Libro de Vigo

+ Google Map