Coñécenos


O 2 de abril -Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil- de 1998 marca o comezo da traxectoria de KALANDRAKA, co lema "Libros para soñar" e co obxectivo de ofrecer obras da mellor calidade estética e literaria. Publicando inicialmente en galego co compromiso da normalización lingüística deste idioma, KALANDRAKA é un proxecto plurilingüe que actualmente edita en galego, castelán, català, euskara, portugués, italiano e inglés.


Álbums ilustrados de creación propia, adaptacións de contos tradicionais, recuperación de clásicos da LIX, libros para pre-lectores, libros de fácil lectura, libro-discos, poesía e arte son as principais liñas de traballo que conforman un catálogo vivo e diverso. Coa suma do selo FAKTORÍA K DE LIBROS, o abano de lecturas amplíase á ficción literaria, o ensaio, a divulgación científica e as publicacións singulares.


Froito do esforzo colectivo, KALANDRAKA recibiu numerosos recoñecementos, dende o 1º Premio Nacional de Ilustración 1999 ao artista Óscar Villán por "O coelliño branco" ata o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural 2012, outorgado polo Ministerio de Cultura de España.


Do compromiso coa multiculturalidade, coa educación en igualdade, coa tolerancia e co respecto ao medio; da aposta pola animación á lectura para estimular a imaxinación e a curiosidade, nace o estímulo para continuar facendo libros que seduzan, emocionen, divirtan e perduren no tempo.