FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: BIBIANA CANDIA E XOSÉ COBAS

FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: BIBIANA CANDIA E XOSÉ COBAS

A participación de KALANDRAKA na Feira do Libro da Coruña completarase coa presenza da escritora Bibiana Candia e do ilustrador Xosé Cobas, que asinarán exemplares de «Azucre» este mércores 2 de agosto ás 19:00 horas na caseta da libraría Lume.

Ambientada no século XIX, narra a situación na que se atopa a poboación galega, asolada pola fame e a enfermidade. A única saída para mozos como o protagonista da historia, Orestes Veiga, pasaba por buscar un futuro mellor en Cuba. Inxenuos pero cargados de ilusión, el e moitos máis rapaces acabarían traballando nos campos de azucre de Urbano Feijóo de Sotomayor, un empresario que os converte en escravos. As vítimas da súa crueldade descubrirán que «con sangue se fai o azucre».

«Azucre» é unha novela breve que Bibiana Candia converte nunha epopea impoñente coa forza e a concisión da súa prosa. Esta viaxe baseada en feitos reais recupera un período escuro da historia marcado por un colonialismo desapiadado. Acompañan o texto unhas ilustracións impactantes e de fondo calado simbólico nas que Xosé Cobas plasma numerosas referencias artísticas.

Gañadora do Premio Espartaco de Novela Histórica 2022, «Azucre» é a primeira obra narrativa de Bibiana Candia, que anteriormente xa publicara poemarios, relatos e artefactos literarios.Tras residir durante dez anos en Berlín formándose como escritora, comezou a colaborar en revistas como Jot Down e Letras Libres. O seu labor como xornalista cultural foi recoñecido co Premio Carmen de Burgos de Divulgación Feminista (2020) e co Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba (2021).

Xosé Cobas, que suma máis de 200 títulos publicados, comezou ilustrando na prensa diaria e, a finais dos anos 80, orientou a súa traxectoria artística á ilustración de libros infantís e xuvenís. A súa obra expúxose en galerías de España, Europa e Latinoamérica. Recibiu o Premio Gourmand World Cookbook ao mellor libro de literatura gastronómica en español, o Premio Fetén ao mellor libro de teatro ilustrado, os premios Díaz Pardo e Neira Vilas, e foi seleccionado na lista The White Ravens.

August 2 2023

Detalls

Començar: August 2, 2023, 7:00 PM
Final: August 2, 2023, 8:00 PM
Dirección: Xardíns de Méndez Núñez

Sede

Feira do Libro da Coruña

+ Google Map