Soñan os androides con ovellas eléctricas?

Dick, Philip K. Traducción: Fernando Moreiras

A novela que deu pé á película "Blade Runner" é unha obra de culto no xénero da ciencia ficción que nos sitúa ante un planeta Terra devastado por unha guerra nuclear e cuberto por unha nube radiactiva. Un escenario apocalíptico para cuestionarnos os límites entre o natural e o artificial, a decadencia da sociedade...

Ilustración de cuberta de ADRIÀ FRUITÓS

Un mundo cheo de pó radiactivo provocado por unha devastadora guerra nuclear que aniquilou a maioría dos animais e que obrigou a emigrar a boa parte da poboación mundial é o apocalíptico escenario de “Soñan os androides con ovellas eléctricas?”. Os superviventes cobizan calquera criatura viva e, quen non pode pagar para tela, consegue réplicas de asombroso realismo. O protagonista desta novela de ciencia ficción é Rick Deckard, un ex-axente mercenario que se dedica a cazar -ou retirar- androides renegados. As unidades dun modelo de última xeración, case idénticas aos humanos e que chegaran á Terra fuxindo dunha colonia espacial onde eran pesimamente tratados, son o seu novo obxectivo. Pero os Nexo-6 son case imposibles de distinguir das persoas de carne e óso. Esta dificultade causaralle non poucos problemas e fará que teña que afrontar situacións que endexamais imaxinara; axiña os coñece, cambia a súa percepción e entende o aprezo que teñen pola vida.

Os difusos límites entre o natural e o artificial, a decadencia da sociedade, a degradación da existencia e os lindeiros da ética no uso da tecnoloxía planean nesta historia enmarcada no subxénero ciberpunk, cunha estética asociada ao caos, á destrución e á ruína territorial, física e moral. Unha parte da crítica entendeu a obra como un alegato a prol da humanidade, en contraposición coas máquinas, por perfectas que sexan, diante da incapacidade destas para sentir empatía.

Publicada en 1968, o autor situaba os acontecementos deste pesadelo tecnolóxico á altura de 2021, unha época que -coa actual perspectiva- semella inverosímil, pero que a 50 anos vista dende a súa publicación orixinal, podía resultar plausible. Esta gran novela de Philip K. Dick chegou ao gran público a través da versión libre que fixo para o cinema o director Ridley Scott, en 1982: “Blade Runner” é unha obra mestra da sétima arte e da ciencia ficción; en 2017 estreouse a súa continuación.
Leer más
Leer menos
17,00 €