Nicolás vai á biblioteca (BATA)
A biblioteca facilita o acceso a moitos servizos relacionados coa lectura e o coñecemento. Nunha inclusiva non deberían existir barreiras físicas nin de comunicación. Coa axuda dos pictogramas, Nicolás goza “día a día” de moitas actividades.
Día a día é unha liña complementaria da colección Makakiños De fácil lectura, creada para achegar a lectura a persoas no espectro do autismo. Tras «Nicolás cociña sen lume», chega «Nicolás vai á biblioteca», creado a partir dunha idea de Antonio Zorrilla Salgado, bibliotecario de Vélez-Málaga. Este libro amosa que funcións cumpren as bibliotecas, non só como espazos para ler ou levar libros e películas en préstamo, senón tamén para consultar prensa, buscar información en Internet, participar en sesións de animación á lectura ou visitar as exposicións que se instalan nas súas salas. Ademais, detalla que tipos de libros hai a disposición do público —informativos, científicos, ficción, historia…— e como funciona este servizo: o uso do carnet bibliotecario, o rexistro do material prestado e o deber de devolvelo no tempo determinado.
Os textos adaptáronse ao sistema de pictogramas SPC, baseado en debuxos e cores. As ilustracións de Alicia Suárez destacan polo seu carácter descritivo, o seu colorido alegre e reforzan a dimensión lúdica da visita do protagonista a unha biblioteca inclusiva. Son imaxes perfectamente asociadas ao texto, claras, expresivas, e nas que se aprecian ata os máis pequenos detalles para axudar a que se entendan ben.
Makakiños é unha iniciativa pioneira de KALANDRAKA e da Asociación BATA —que atende a persoas con transtornos do espectro autista e ás súas familias— para superar barreiras de incomunicación: libros “de fácil lectura” que buscan maior concreción e comprensión a nivel escrito e visual. A colección xa conta con adaptacións dos relatos tradicionais «O coelliño branco», «Chibos chibóns», «A ratiña presumida» e «A verdadeira historia de Carapuchiña».
Otros idiomas: