XESÚS FRAGA PRESENTA "RÍO MIÑO" NA CORUÑA

XESÚS FRAGA PRESENTA

O xornalista, tradutor e escritor Xesús Fraga presenta na libraría Moito Conto da Coruña a súa nova obra, «Río Miño, unha viaxe entre solsticios», distinguida co XVIII Premio Eurostars de Narrativa de Viaxes. O autor conversará o 30 de novembro ás 19:00 horas co profesor da UIE e escritor Luís Pousa arredor deste texto, forxado ao longo de seis meses entre as estacións de inverno e verán.

Xesús Fraga percorreu os 315 quilómetros do curso do Miño dende o seu nacemento no Pedregal de Irimia, na serra de Meira, ata a súa desembocadura na Guarda, no océano Atlántico. O resultado é unha viaxe física e contemplativa narrada con frugalidade e enxeño, que nos achega ao fluxo dos regatos do principal río de Galicia, mais tamén á súa contorna: a Terra Chá, Lugo, Paradela, a Ribeira Sacra, Os Peares, Ourense ou Castrelo do Miño.

Mesturando un estilo tan lírico como documentado, a narración non se limita á dimensión natural do Miño, senón que tamén traza un relato histórico, cultural e sentimental irmandando escenarios, paisaxes e testemuños únicos, e cavilando sobre o pasado, presente e futuro do río e do propio país.

«Río Miño, unha viaxe entre solsticios» non só fai un redescubrimento «da columna vertebral, física e simbólica de Galicia»; achega, ademais, unha evocación sobresaínte da paisaxe que convida á reflexión.

Redactor de cultura en La Voz de Galicia dende 1997, Xesús Fraga conta cunha ampla traxectoria literaria como escritor e tradutor ao galego de Vladimir Nabokov, Jack Kerouac, Robert Macfarlane, Patrick Ness ou Julian Barnes, entre outros persoeiros. É autor de relatos como «Reo», «A-Z» e novelas como «Solimán» ou «Virtudes (e misterios)», pola que recibiu o Premio Blanco Amor 2019 e o Premio Nacional de Narrativa 2021.

November 30 2023

Detalls

Començar: November 30, 2023, 7:00 PM
Final: November 21, 2023, 8:00 PM
Dirección: San Andrés, 45. A Coruña

Sede

Libraría Moito Conto, A Coruña

+ Google Map