XAVIER SEOANE PRESENTA NA CORUÑA O POEMARIO «A ÁRBORE DESVELADA»

XAVIER SEOANE PRESENTA NA CORUÑA O POEMARIO «A ÁRBORE DESVELADA»

«A árbore desvelada» é o novo poemario do escritor e profesor coruñés Xavier Seoane. Publicado na colección Tambo de KALANDRAKA, presentarase o vindeiro mércores 12 de marzo a partir das 19:30 horas na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa San Andrés, 36, 1º. A). O autor estará acompañado pola poeta Eva Veiga e polo director da colección, Luís Rei Núñez.

Trátase da segunda obra de Xavier Seoane no catálogo da editorial logo de «Espiral de sombras», que tamén acaba de chegar ás librarías nunha edición renovada. Nesta ocasión, «A árbore desvelada» tece unha certa paisaxe afectiva e moral do autor que, en cada poema, homenaxea a persoas, feitos ou lugares que tiveron algunha significación especial na súa vida. Neste sentido, son versos de agradecemento, de exaltación da felicidade ou de repudio ante acontecementos tan negativos como as guerras ou as agresións medioambientais.

Nado na Coruña, Xavier Seoane estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela  e foi profesor de Lingua e Literatura no IES Monelos da cidade herculina. Dende os anos 70 participou activamente na renovación cultural do país a través de iniciativas como a revista Luzes de Galiza ou o grupo De amor e desamor. A súa traxectoria literaria non só abrangue unha ampla produción poética, senón tamén ensaio, narrativa e literatura infantil-xuvenil. Ten recibido os premios de poesía Cidade da Coruña (1982) por «Iniciación e regreso», o Esquío (1996) por «Umbral de vida», o Caixanova (2002) por «Dársenas do ocaso» e o Espiral maior (2006) por «Para unha luz ausente».

March 12 2025

Detalles

Comienzo: March 12, 2025, 7:30 PM
Fin: March 25, 2025, 8:30 PM
Dirección: Rúa San Andrés, 36, 1º. A. A Coruña

Sede

Asociación Cultural Alexandre Bóveda, A Coruña

+ Google Map