VILAGARCÍA CIDADE DE LIBRO: CHÉVERE PRESENTA "35 ANOS DE AXITACIÓN CULTURAL"

VILAGARCÍA CIDADE DE LIBRO: CHÉVERE PRESENTA

O libro que abrangue os «35 anos de axitación cultural» do Grupo Chévere, a serie completa das «Crías de animais» coa que o Tándem Seceda lles achega a fauna do planeta ás nenas e aos nenos, e a proposta lúdica de Federico Fernández e Germán Gónzález a partir dos libros despregables «Verme» e «Balea» son as achegas de KALANDRAKA á programación de Vilagarcía, Cidade de Libro, que se desenvolve na capital do Salnés ata este domingo.

Distinguida co Premio Follas Novas do Libro Galego 2023 na categoría de Iniciativa Cultural, a obra de Chévere é unha autobiografía dialogada que, ao longo de trescentas páxinas, recolle toda a historia do grupo -Premio Nacional de Teatro 2014- dende a súa creación en 1987. Dous dos seus protagonistas, Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, participarán na presentación este xoves 15 de xuño a partir das 19:30 horas no escenario principal da Praza II República.

O libro conta cun amplo apartado gráfico de fotografías, imaxes de carteis e programas, documentación técnica, ademais dun epílogo escrito polo director da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Roberto Pascual.

Na derradeira xornada de Vilagarcía, Cidade de Libro, os mestres Pilar Martínez e Chema Heras, integrantes do Tándem Seceda xunto cos profesores e biólogos Xulio Gutiérrez e Isabel Pelayo, ofrecerán unha sesión de contacontos o domingo 18 a partir das 18:00 horas no Parque Miguel Hernández. O repertorio estará formado por algúns dos protagonistas da serie «Quen son? Crías de animais», que abrangue seis títulos dedicados a África, Europa, América, Australia, Asia e ás terras polares.

Os autores desvelarán os segredos de varias especies de mamíferos e de aves agrupadas por continentes, inspirando a curiosidade pola fauna e polo coidado do medio natural dende as primeiras idades. Cada título inclúe sete crías: con textos sinxelos e descritivos, acompañados das fermosas ilustracións realistas de Ester García, os animais preséntanse cunha adiviña e establecen un diálogo directo e activo coas lectoras e cos lectores. Son textos cientificamente rigorosos que plasman a realidade da natureza de forma doada e comprensible, ademais de amosar a biodiversidade e as distintas formas de crianza.

Ás 19:00 horas os artistas Federico Fernández e Germán González presentarán o seu novo libro, «Verme», no espazo de presentacións do Parque Miguel Hernández. Trátase dun libro visual, interactivo e despregable que vén de recibir o Premio Follas Novas do Libro Galego 2023 na categoría de ilustración. Está protagonizado polos divertidos operarios dunha máquina coa que é posible viaxar ao centro da Terra. Despois de «Balea», esta é a súa segunda obra conxunta: unha proposta que permite estimular a agudeza visual, a creación de historias e a imaxinación.

Ademais, os autores impartirán un obradoiro para nenas e nenos a partir das posibilidades literarias e artísticas que ofrece este libro de formato acordeón que, ao estendelo, se transforma nun gran mural de dobre cara: mentres que nun lado se observa o exterior deste orixinal enxeño mecánico, a outra cara amósao por dentro, dividido en numerosas estancias nas que transcorren as aventuras dos seus habitantes.

Federico Fernández -Premio Nacional de Ilustración 2001- e Germán González son licenciados en Belas Artes pola Universidade de Vigo e ambos se dedican á docencia. Crearon estes libros inspirándose nas viñetas de Francisco Ibáñez en «13, Rue del Percebe», nas propostas lúdicas de Ali Mitgusch cos seus “álbums de imaxes ocultas” e nas multitudes de Martin Handford en «Onde está Wally?».

June 15 2023

Detalles

Comienzo: June 15, 2023, 7:30 PM
Fin: June 15, 2023, 8:30 PM
Dirección: Praza II República, Vilagarcía de Arousa

Sede

Vilagarcía, Cidade do Libro

+ Google Map