TEREIXA CONSTENLA PRESENTA "ABRIL É UN PAÍS" NA ESTRADA

TEREIXA CONSTENLA PRESENTA

Recén cumpridos 50 anos da Revolución dos Caraveis, a colección Ágora K de KALANDRAKA vén de incorporar un ensaio da xornalista estradense Tereixa Constenla titulado «Abril é un país» que, ao pouco de saír do prelo, xa suma unha segunda edición. Trátase dun traballo minucioso que, combinando a investigación documental e a entrevista a moitos dos protagonistas daquel fito, achega as lectoras e os lectores aos “heroísmos descoñecidos” dun acontecemento no que o mundo enteiro puxo a súa mirada. O Museo MOME (Avda. Benito Vigo, 92) da Estrada acollerá un encontro coa autora este venres, 14 de xuño, a partir das 20:00 horas. Tereixa Constenla conversará con Uxía sobre este episodio tan relevante na historia do país veciño, co que a cantante galega tamén ten unha relación moi estreita a través do seu compromiso coa lusofonía.

O 25 de abril de 1974 a Revolución dos Caraveis rematou de forma incruenta cun réxime ditatorial que durante case 50 anos, baixo as ordes de António de Oliveira Salazar e de Marcelo Caetano, someteu o pobo portugués. O levantamento militar, liderado esencialmente polos mandos intermedios, non só veu determinado polo esgotamento da ditadura salazarista no país, senón tamén por unha política colonial minada tras décadas de abusos e golpeada polas guerras de independencia.

«Abril é un país» repasa as claves duns acontecementos que lograron derrocar un réxime opresor; unha análise indispensable do pasado de Portugal para comprender o espírito único do país veciño.

Correspondente do xornal El País en Lisboa dende xullo de 2021, Tereixa Constenla foi xefa da sección de Cultura do mesmo diario e redactora de Babelia. Antes de dedicarse ao xornalismo cultural, traballou como reporteira de temas sociais en Andalucía, tanto en El País como en Ideal. Algúns dos seus artigos recibiron galardóns como o Premio Unicaja de Artículos Periodísticos (2013). Trala publicación de «Cuaderno de urgencias» en 2021, «Abril é un país» é a súa segunda obra.

June 14 2024

Detalles

Comienzo: June 14, 2024, 8:00 PM
Fin: June 14, 2024, 9:00 PM
Dirección: Avda. Benito Vigo, 92. A Estrada

Sede

MOME (Museo do Moble e da Madeira), A Estrada

+ Google Map