TEREIXA CONSTENLA PRESENTA "ABRIL É UN PAÍS" EN COMPOSTELA

TEREIXA CONSTENLA PRESENTA

A piques de cumprirse 50 anos da Revolución dos Caraveis, a colección Ágora K de KALANDRAKA incorpora o ensaio «Abril é un país», da xornalista e escritora Tereixa Constenla. Trátase dun traballo minucioso que, combinando a investigación documental e a entrevista a moitos dos protagonistas daquel fito histórico, achega as lectoras e os lectores aos “heroísmos descoñecidos” dun acontecemento no que o mundo enteiro puxo a mirada. A sede de Afundación en Compostela (rúa do Vilar, 19) acolle un encontro coa autora o venres 26 de abril a partir das 19:00 horas, organizado coa colaboración do Ateneo de Santiago.

O 25 de abril de 1974 a Revolución dos Caraveis rematou de forma incruenta cun réxime ditatorial que durante case 50 anos, baixo as ordes de António de Oliveira Salazar e de Marcelo Caetano, someteu o pobo portugués. O levantamento militar, liderado esencialmente polos mandos intermedios, non só veu determinado polo esgotamento da ditadura salazarista no país, senón tamén por unha política colonial minada tras décadas de abusos e golpeada polas guerras de independencia.

«Abril é un país» repasa as claves duns acontecementos que lograron derrocar un réxime opresor. Velaquí unha análise indispensable do pasado de Portugal para comprender o espírito único do país veciño.

Correspondente do xornal El País en Lisboa dende xullo de 2021, Tereixa Constenla foi xefa da sección de Cultura do mesmo diario e redactora de Babelia. Antes de dedicarse ao xornalismo cultural, traballou como reporteira de temas sociais en Andalucía, tanto en El País como en Ideal. Algúns dos seus artigos recibiron galardóns como o Premio Unicaja de Artículos Periodísticos (2013). En 2021 publicou «Cuaderno de urgencias», un libro autobiográfico escrito tras o falecemento da súa parella, o tamén xornalista Álex Bolaños. «Abril é un país» é a súa segunda obra.

 

April 26 2024

Detalles

Comienzo: April 26, 2024, 7:00 PM
Fin: April 22, 2024, 8:00 PM
Dirección: Rúa do Vilar, 19. Santiago de Compostela

Sede

Ateneo de Santiago: sede de Afundación en Compostela

+ Google Map