PRESENTAMOS O NOVO VOLUME DA "BIBLIOTECA DE PEDAGOXÍA" NA FACULTADE DE EDUCACIÓN DA CORUÑA

PRESENTAMOS O NOVO VOLUME DA

A Facultade de Ciencias da Educación da Coruña (campus Elviña) acolle o mércores 23 de abril a presentación de «Realidades e horizontes da educación en Galicia», un novo volume da Biblioteca de Pedagoxía de KALANDRAKA. No encontro, a partir das 11:30 horas no Salón de Graos, tamén se vai dar a coñecer o número 91 da Revista Galega de Educación que publica o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega.

O encontro conta coa participación da directora do departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña, Ana Iglesias; a presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Candedo, e o coordinador do actual monográfico, Héctor Pose; e ademais, un dos coordinadores de «Realidades e horizontes da educación en Galicia», o catedrático Jesús Rodríguez, canda o tamén catedrático Antón Costa Rico, director da Biblioteca de Pedagoxía e figura homenaxeada nesta obra de autoría colectiva.

Tralas presentacións nas facultades de Ciencias da Educación de Santiago e Pontevedra, e logo do seu paso pola cidade de Lugo da man de Nova Escola Galega, «Realidades e horizontes da educación en Galicia» chega á Coruña para seguir compartindo coa comunidade educativa o proceso deste libro, en cuxa coordinación tamén participou o catedrático José Antonio Caride.

Ao longo de 21 artigos, profesoras e profesores das tres universidades galegas e dos distintos niveis educativos, xunto con técnicos do ámbito educativo, abordan cuestións e reflexións trazadas a partir dalgúns apuntes históricos, procurando afrontar problemas socio-educativos e escenarios de formación que lle afectan á cidadanía. Unha mirada reflexiva coa que se pretende contribuír a consolidar un espazo público deliberativo para un mellor desenvolvemento educativo.

O propio Antón Costa asina o epílogo, titulado «A nosa educación: o escenario, estudos, programas e retos», no que avoga por procurar os instrumentos que axuden a avanzar no horizonte da “nova educación galega”.

En canto á Revista Galega de Educación, este número titulado «Comunidade e participación das infancias» pon o foco na importancia da participación infantil como un dereito fundamental e unha ferramenta chave para o desenvolvemento cidadán e a transformación social.

April 23 2025

Detalles

Comienzo: April 23, 2025, 11:30 AM
Fin: April 23, 2025, 12:30 PM
Dirección: Campus de Elviña, s/n. A Coruña

Sede

Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña

+ Google Map